Actualidade A plataforma de títulos independentes itch.io será accesible a través da Epic Games Store

A plataforma de títulos independentes itch.io será accesible a través da Epic Games Store

Itch.io é unha das plataformas máis populares á hora de atopar títulos independentes, con máis de 200.000 referencias dentro das súas bases de datos. Agora, poderemos atopar estes títulos tamén a través da Epic Games Store, aínda que o faremos cunha aplicación descargable.

Así queda explicado no anuncio oficial de Epic, na súa páxina web, o que permitirá que os seus máis de 31 millóns de usuarios se acheguen a este incrible catálogo. Un representante de itch.io declarou a Polygon que teñen nas mans «unha colección dalgunhas das creacións máis singulares, interesantes e independentes que podes atopar na Internet».

Cabe destacar que Epic non levará comisión algunha polas vendas destes títulos a través da aplicación. Ademais, a compañía tamén anunciou que lle dá a benvida a iHeartRadio —só en América do Norte—, ao navegador de código aberto Brace, ao xerador de modelados 2D a 3D KenShape e ao software de pintura Krita.

Todas estas novidades xa se atopan dispoñibles para os usuarios da tenda virtual.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.