Actualidade Microsoft dá por fracasada a plataforma de streaming Mixer

Microsoft dá por fracasada a plataforma de streaming Mixer

Tentouno por activa e por pasiva, mesmo con contratos millonarios que levaron até a plataforma caras internacionais e ben coñecidas pola comunidade como Ninja ou Shroud, pero Microsoft non conseguiu que Mixer sexa unha plataforma de retransmisión en vivo competitiva. O anuncio fíxose público a través dunha entrevista con The Verge, onde tamén se explica que a compañía tecnolóxica non se renderá dentro deste campo, senón que se aliará cunha terceira firma.

Mixer tivo unha vida relativamente curta. Foron catro anos e medio de actividade nos que competiu con Twitch, Youtube Gaming ou Facebook. No día de hoxe, a primeira delas elévase como o faro máis coñecido e máis avistado dentro da Rede. Con quen se aliará Microsoft? Farao con Facebook Gaming, plataforma que tamén foi crecendo nos últimos meses e que agora absorberá aos creadores de contido e espectadores de Mixer.

Todas aquelas personalidades que tiñan un contrato de exclusividade con Mixer para emitir as súas retransmisións poderán volver agora a Twitch ou a calquera plataforma. O servizo de streaming de Microsoft pechará, de xeito oficial, as súas portas o 22 de julio.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.