Actualidade Need for Speed Heat, un tributo aos 80 que ruxirá en novembro

Need for Speed Heat, un tributo aos 80 que ruxirá en novembro

Xa é oficial. A conta atrás finalizou. Need For Speed Heat é o nome do novo capítulo da franquía de velocidade e condución. Unha entrega que levará aos xogadores a Palm City, un mundo aberto no que se reúnen os pilotos para acadar a fama e o recoñecemento sobre o resto de condutores.

Co sol no alto, os pilotos competirán en Speedhunters Showdown, un torneo autorizado co que gañar fondos para personalizar e mellorar os vehículos que posúen. Ora ben, coa caída do astro rei, ben entrada a noite, as carreiras na rúa tomarán o control da cidade e a policía corrupta tratará de abusar dos condutores para facerse coas súas ganancias e destruír a súa reputación. Electronic Arts confirmou que ofrecerá máis detalles sobre o novo xogo durante a Gamescom 2019.

«Con Need for Speed Heat ofreceremos máis opcións que nunca aos nosos xogadores para que sexan auténticos», destaca Riley Cooper, director creativo de Ghost Games. «Os seareiros da saga deixaron claro que queren máis vehículos, máis personalización e máis desafíos, e nese eido estamos totalmente aliñados. Desde o estilo do teu personaxe até o rendemento do teu vehículo ou o teu estilo de condución, imos potenciar a creatividade de todos os nosos xogadores con este novo videoxogo».

Xa dispoñíbel para reservar

Os seguidores do videoxogo que reserven a edición Estándar do videoxogo recibirán o Mitsubishi Lancer Evolution X K.S Edition, mentres que aqueles que reserven a edición Deluxe engadirán tres vehículos máis do estilo K.S Edition (BMW i8 Coupe, Mercedes C63 AMG Coupe, Chevrolet Corvette Grand Sport), acceso exclusivo a unha indumentaria de luxo para o seu personaxe e un incremento nas recompensas de Bank e Rep.

Ademais, aqueles que reserven o videoxogo a través de Need for Speed Payback en calquera plataforma recibirán un 10 % de desconto en Need for Speed Heat como parte da Recompensa de Lealdade.

Need for Speed Heat aterrará nas tendas o próximo 8 de novembro para Xbox One, PlayStation 4, e PC. Os xogadores que queiran adiantarse ao lanzamento, poderán facelo durante 10 horas a partir do 5 de novembro con EA Access e Origin Access Basic a través do Play First Trial ou subscribíndose a Origin Access Premier para ter acceso completo ao videoxogo en PC.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.