Actualidade Nintendo aumenta novamente a produción de Nintendo Switch para satisfacer a demanda

Nintendo aumenta novamente a produción de Nintendo Switch para satisfacer a demanda

Se hai algo que non fixo Nintendo ao longo deste ano, foi pisar o pedal do freo. A compañía xaponesa surcou a irregular marea deste 2020 como ningunha outra empresa de videoxogos en todo o mundo. Así o demostran os excelentes datos de récord que cultivou ao longo do ano.

A razón principal deste bo momento radica nas boas vendas de Nintendo Switch, cuxa produción aumentará até a finalización deste ano fiscal que remata o 31 de marzo. Aínda que a comezos de agosto a demanda da consola obrigou á desenvolvedora a incrementar a planificación de 22 millóns a 25 millóns de dispositivos producidos, as estimacións continúan aínda máis á alza.

Fuentes próximas á fabricación e consultadas por Bloomberg, apuntan a que Nintendo solicitou un aumento de cinco millóns de consolas máis. Todo iso na situación de pandemia global, que creou problemas loxísticos pero que causou que as fábricas teñan que operar ao 120% da súa capacidade para satisfacer a demanda.

O futuro tamén pinta prometedor. Desenvolvedoras externas aseguraron que Nintendo pediulles que os seus próximos títulos estean preparados para o formato 4 K. Esta información sería un dos alicerces máis fortes cos que soster a teoría de que Nintendo prepara unha revisión de Nintendo Switch deica pouco.

Juan Sanmartín

Colaborador de Morcego. Videoxogos, deporte, cómics ou cine son as miñas paixóns.