Actualidade Nvidia anuncia a chegada das RTX 3060: a versión máis asequible da súa nova xeración

Nvidia anuncia a chegada das RTX 3060: a versión máis asequible da súa nova xeración

A través da súa última retransmisión, Nvidia anunciou a súa última liña de tarxetas gráficas baseadas na arquitectura Ampere, coa RTX 3060 como protagonista.

Chegará a finais de febreiro cun prezo de 329 dólares —descoñecemos aínda o seu prezo en Europa—, nos diferentes modelos alternativos dos ensambladores. Nun principio, este novo modelo vería a ser o substituto perfecto da GTX 1060, mais co dobre de potencia. Perfílase como a tarxeta gráfica ideal para un computador de gama media.

Con 13 Shader-TFLOPS, 25 RT-TFLOPS e 101 Sensor T-FLOPS; así como unha interesante subida de VRAM respecto á 3060 Ti (de 8 a 12 GB de memoria GDDR6), esta nova tarxeta tratará de levar as características máis rechamantes de Ampere aos petos intermedios, a saber: trazado de raios, DLSS, Nvidia Reflex e compatibilidade con Nvidia Broadcast; para xogarmos a 1080p e 60 FPS.

Doutra banda, os procesadores gráficos GeForce RTX 30 desembarcarán nos ordenadores portátiles en versión Max-Q. Unha vez máis, a arquitectura será a Ampere, aínda que con certas modificacións relacionadas coa mellora do consumo e unha maior disipación da calor.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.