Actualidade Oddworld: Soulstorm mostra as súas primeiras imaxes con acción nun novo adianto

Oddworld: Soulstorm mostra as súas primeiras imaxes con acción nun novo adianto

Aínda que foi anunciado hai tres anos, tocou esperar até velo por primeira vez en acción. Oddworld: Soulstorm, a revisión de Abe’s Exodus, fixo público o seu primeiro teaser con gameplay. Os feitos que narrará continuarán a historia acontecida no exitoso New n’Tasty.

Despois de comprobar na GDC de San Francisco o bo facer do equipo de desenvolvemento co motor gráfico Unity, tocaba ver a xogabilidadee que ostentará este novo capítulo da franquía Oddworld. O adianto amosa a Abe rescatando aos seus compatriotas, e promete acción e perigos nunha contorna hostil. Nos próximos meses prometen a chegada de máis detalles, polo que é posible que no E3 deste ano teña uns minutos de protagonismo. Oddworld: Soulstorm chegará a consolas e PC ao longo do 2020.

O estudio encargado do proxecto, Oddworld Inhabitant, promete máis de cen horas de xogo para aqueles que queiran desvelar todos os secretos que incluirá esta nova entrega, na que como líderes dun numeroso grupo de Mudokons deberemos loitar por levar a un lugar mellor aos nosos irmáns.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.