Opinión Opinión :: O odio incesante

Opinión :: O odio incesante

Aviso: este artigo fai mención a sucesos de abuso sexual, violación e suicidio.

 

Estes últimos días están a ser un furacán de emocións para moitas persoas implicadas co mundo do videoxogo. É un medio convulso, sometido a continuos debates sobre todo tipo de temas de diversa índole e relevancia.

No último ano falouse moito das condicións laborais dos creadores que traballan para facer posíbeis as nosas aventuras preferidas, e que en moitos casos rozan a explotación laboral no que se deu en chamar crunch. Tamén da aproximación á violencia que se fai en contornos virtuais, e de se pode ou non chegar a fomentar a violencia no mundo real. Debateuse tamén sobre adicción, e de como algunhas mecánicas de títulos moi coñecidos disfrazan baixo unha capa de diversión e recompensas inocentes unha vontade por facer que o usuario gaste cartos reais en apostas dentro do xogo.

E, non obstante, sempre hai espazo para que os problemas medren.

Un acto valente

Todo comezou o venres 23 de agosto, cunhas mensaxes de Twitter publicadas pola desenvolvedora e deseñadora NathalieLawhead. Neles contaba que cometera o erro de buscar o nome do seu violador na rede social, e ver como todo o mundo gababa constantemente o seu traballo era algo que lle resultaba devastador. Tamén deixaba caer, entre outras cousas, que se trataba de alguén poderoso, capaz de destruír a carreira de calquera que falase na súa contra.

Un dos chíos que desencadeou os acontecementos.

A cousa quedou alí nese intre. Pero dous días máis tarde, o luns 26 de agosto, Nathalie volvía de novo falar do acoso sexual que sufrira. Esta vez, nun longo texto no que revelaba o nome do seu presunto violador: Jeremy Soule, un galardoado compositor de música que traballou en moitas bandas sonoras de videoxogos: Secret of Evermore, Icewind Dale, Guild Wars e varios títulos da saga The Elder Scrolls, entre outras.

Amais disto, Nathalie tamén contou con detalle as dificultades laborais e emocionais coas que achou de súbito, cando tentou cortar todo contacto e afastarse de Soule, xunto ao longo e devastador proceso polo que pasou até conseguir saír adiante e volver recuperar a estabilidade e a confianza en si mesme.

Pero iso non foi todo: a medida que esta entrada no seu blogue gañaba repercusión en redes sociais, a cantante Aeralie Brighton tamén declarou ter sufrido abusos por parte do compositor. E a cadea continuou, converténdose nun equivalente ou semellante ao movemento #MeToo da industria do videoxogo, conforme cada vez máis mulleres atopaban a forza necesaria para engadir varios nomes á lista de presuntos depredadores ao redor do ocio electrónico.

O pulo que moitas precisaban

Zoë Quinn, desenvolvedora que saltou á escena pública como unha das primeiras vítimas do infame GamerGate cando estoupou en 2014, relatou o terror sufrido a mans de Alec Holowka, membro do equipo creador de A Night In The Woods, e foi rapidamente apoiada polos testemuños de varias outras mulleres. Meg Jayanth e Olivia Wood, ambas as dúas escritoras, arroupadas polas deseñadoras narrativas Leigh Alexander e Emily Short, sacaron a relucir os comportamentos nocivos de Alexis Kennedy —Cultist Simulator, Sunless Sea—. Adelaide Gardner, deseñadora de xogos de mesa, denunciou malos tratos por parte de Luc Shelton (Gears of War 4). Mina Vanir —especialista en comunicación de Black Forest Games— rescatou unha conversa que xa fixera pública en 2018 tras un encontro traumático con Vlad Micu —xerente de VGVisionary—; así como Carrie Witt  —directora creativa en Owlchemy Labs— denunciou a Marc Ten Bosch, desenvolvedor indie, como causante de que raramente acuda a eventos de videoxogos tras varios días de tensión esquivando os seus intentos de contacto inapropiado.

Os nomes de supostos agresores continuaron a xurdir, días despois. Ben Judd. Michael Anthonov. Alex Lifschitz. Taylor Freeman… E moitos outros, que de seguro continuarán a saír. Demasiados? Si. Suficientes? Non. Por desgraza, non será suficiente até que non quede ningún acosador na sombra.

Pero iso non é todo. Lembrade: os problemas crecen.

Unha amarga noticia

O 31 de agosto aparecía en Twitter unha triste mensaxe escrita por Eileen Mary Holowka. A irmá de Alec Holowka confirmaba a súa morte, poucos días despois de que se fixeran públicas as acusacións de maltrato. No mesmo texto, amosaba o seu apoio cara a todas as vítimas de acoso e persoas con enfermidades mentais, e aducía que o seu propio irmán tamén sufrira abusos e desordes de personalidade. Malia que non negaba o dano que Alec causara no pasado, tamén destacaba que nos últimos anos mediante terapia e medicación estaba conseguindo liberarse da súa escuridade, vivindo por fin de forma calmada, feliz e positiva. Por último, pedía respecto para a dor da súa familia e animaba a calquera que estivese atravesando unha situación sombría a pedir axuda.

Fago aquí un inciso para mencionar que, desgraciadamente, non todo o mundo comparte esa idea de Alec Holowka como home que fixera cousas terribles pero estaba a tratar de redimirse. Scott Benson, un dos cocreadores de A Night In The Woods, publicou recentemente un extenso artigo no que conta as súas experiencias co programador. Neste escrito deixa unha imaxe moito máis amarga do seu excompañeiro, falando de como estes días descubriu que constantemente repetía os mesmos patróns de abuso cambiando de vítimas. Mencionou que aínda que era un xenio no seu traballo, iso nunca vai compensar todas as persoas marcadas pola dor que foi deixando ao seu paso. Derek Yu, desenvolvedor de Spelunky e Aquaria —xogo este último no que traballou xunto a Alec— difundiu as declaracións de Benson, coas que dixo compartir sentimentos.

Cómpre engadir que, mesmo perante eventos así, non todo é branco ou negro. Algunhas persoas simplemente manifestaron a súa dor, xa que para elas Alec foi un amigo. Porén, recalco que as persoas afectadas sempre respectaron os testemuños das afectadas. E, por suposto, o suicidio dunha persoa é algo terrible, e non creo que fose o resultado que ninguén desexase, sinceramente.

Preas da desgraza allea

Retomando o fío dos acontecementos, pouco despois Eileen facía un comentario sobre a súa declaración anterior. Afirmaba que Alec dixera especificamente que desexaba o mellor para Zoë, e que non usasen e a súa mágoa como escusa para atacar a ninguén. Ao contrario, animaba á xente a coidarse os uns aos outros. Hei de engadir que Eileen Mary é a autora de Circuits, un xogo narrativo en Twine que explora precisamente as ramificacións derivadas do acoso sexual.

Escribir a primeira mensaxe tivo que ser dificilísimo. Ter que facer esta aclaración enriba non creo que fose menos duro.

Este novo comentario non xurde de modo casual ou gratuíto. Menos dunha hora despois de que se descubrira o falecemento de Alec Holowka, xa había vídeos en YouTube e hashtags aproveitando a nova para, precisamente, lanzar arengas de odio. Principalmente a Zoë Quinn, en teoría por ser a máis coñecida de todas as voces que denunciaron este caso en concreto, pero tratando de estender rapidamente a culpabilidade a todas as persoas que estaban a sacar á luz os nomes de tantos supostos depredadores.

As consecuencias? A conta de Twitter de Quinn desapareceu por completo, e só semanas despois volveu ser reactivada. Outras mulleres que deron un paso ao fronte tiveron tamén que tomar medidas, facendo as súas contas privadas no que se coñece como «poñerlles o cadeado». Aqueles que seguen cun perfil aberto están recibindo numerosas mensaxes acusadoras e ameazantes, achacándolles a responsabilidade dun suicidio que obviamente non lles corresponde. Falamos de mulleres que acaban de pasar polo proceso de revivir e expoñer publicamente feitos moi traumáticos, arriscando a súa seguridade persoal, as súas carreiras como profesionais, todo. Para varias destas mulleres non é a primeira vez que reciben este tipo de acoso.

Lembrades cando, case ao principio do artigo, dixen que todo comezou o venres 23 de agosto? Era mentira. En realidade todo comezou co GamerGate que xa mencionamos antes. Este non é máis que outra rabexada desa abominación, que aparentemente pretendía defender a ética na prensa especializada para pronto destapar unha avanzada plataforma de recrutamento das ideoloxías máis fascistas entre o público dos videoxogos, e unha mera escusa para facer dano e tratar de expulsar a todas as mulleres, colectivos minoritarios e persoas de pensamento progresista da industria. O que están intentando facer, falando claro, é aproveitar que Alec Holowka acabou coa súa vida para lograr que todas as persoas que están a reunir o valor para falar tamén rematen coas súas. O que algún fanático as asasine.

Un dos mais famosos defensores do GamerGate e de outras ideas de ultradereita foi gravado cantando fronte aos seus compañeiros, coñecidos supremacistas brancos, que facían o saúdo nazi. Fonte.

Denunciar non é sinxelo

Non nos deixemos enganar nin por un instante por estes ataques misóxinos coordinados. Hai que crer e apoiar ás mulleres que denuncien agresións. Que unha sobrevivente de abuso sexual denuncie ao seu violador é un acto de incríbel valor e nace dun desexo de xustiza. A responsabilidade sobre os actos dos acosadores nunca vai ser das vítimas. Tratar de retorcer a lóxica para  insinuar o contrario denota unha baixeza moral especialmente desprezábel.

Bastante duro é xa tratar de denunciar. Todos escoitamos de certos casos, coma o de Harvey Weinstein, ou o da «manada», se non queremos saír de España. Mesmo cunha enorme cantidade de testemuños en contra, aínda así os acusados logran eludir a xustiza a base de millóns. Ou, incluso cando hai probas esmagadoras do delito cometido, os violadores son condenados coa boca pequena, e só tras un proceso no que se fai pasar un verdadeiro inferno ás vítimas, dubidando de cada mínimo xesto ou comportamento antes, durante, e despois da agresión. Hai outros casos, como o de Brett Kavanaugh, que tendo pendentes varias acusacións por delitos sexuais foi posto practicamente a dedo no Tribunal Supremo dos Estados Unidos. Coa inmunidade vitalicia que iso supón. E por suposto co seu apoio incondicional a Trump. Ao que, supoñemos que contrariamente ás mulleres do seu redor, considera inviolable.

Varias canles de YouTube seguen tratando de botarlle a culpa dos sucesos a Zoë Quinn.

Tempo de tomar partido a favor das vítimas

Vou tratar de pechar este artigo cunha nota persoal antes de que o texto poida comigo, pois foi moi duro documentarse sobre tantas historias horríbeis para escribilo. Aínda que trato de informarme todo o posible e teño as miñas opinións, trato de non falar en público sobre feminismo. Dou por suposto que non me corresponde de todo, que é mellor que o foco estea sobre as mulleres, que experimentan e poden narrar mellor o que é medrar e vivir día a día nunha sociedade que moitas veces vai na súa contra. Quen son eu para opinar? Só outro señor barbudo de preto de corenta anos. Xa ves.

Pero hai non tanto tempo lin un artigo que analizaba as repercusións do GamerGate e como se abordou entre a prensa española. Sinceramente, o resultado xeral era moi pobre. Polo visto, moi poucos medios especializados falaron no seu día do que estaba a acontecer, e os que o fixeron foi maiormente após aparecer a nova en diarios máis xerais. Xa non vou entrar demasiado nos casos de acoso público a mulleres que temos visto no noso propio eido, o do xornalismo español de videoxogos. Pero dá vergoña ver como grandes xornalistas, compañeiras cun nivel excelente —como Marina Amores, Marta Trivi, Eva Cid ou Paula García, por citar só algunhas— reciben ciclicamente ataques, sempre dos mesmos sectores. E moitas veces, calamos.

Entendo que ás veces é complicado. Non somos quen de xulgar: esa é, evidentemente, a tarefa da xustiza. Como medio temos a obriga de engadir as palabras «presunto» e «suposto» antes de «violador» ou «agresor», aínmaliada que persoalmente non dubido da palabra das vítimas. Tampouco podemos falar no nome delas.

Pero si temos unha responsabilidade e non podemos deixar que o erro de non tomar partido se repita. Debemos informar. Debemos expor e denunciar estes feitos para que non se esquezan. Debemos falar e opinar. Tomar posición do lado das vítimas, porque ficar en silencio tamén é unha forma de permitir que nada cambie, de que xamais cese ese odio.

 

Se tes pensamentos suicidas ou autolesivos, busca axuda. En España, podes contactar co Teléfono da esperanza. Se sofres abusos ou malos tratos, denuncia. Chama ao 016 (Violencia de Xénero), ao 062 (Garda Civil) ou ao 112 (Emerxencias).

Comentarios non permitidos
    • Victor
    • En: 24 de Setembro de 2019

    Excelente artículo.
    Difícil encontrar algo similar en la prensa “especializada” en videojuegos.
    Perfectamente redactado, y perfectamente comprensible sin ahondar en morbo o detalles escabrosos.
    Yo no tenía ni idea de estos desgraciados casos que señalas en el artículo. Como en otros ámbitos o grupos humanos, la industria del videojuego tampoco se libra de estas reprobables conductas.
    Entre todos debemos de luchar contra esta gentuza que acosa sexualmente a otras personas, principalmente mujeres. ¡Tolerancia cero!

    Un “conservador”.

    Saludos desde Pontevedra.