Actualidade PlayStation retira a páxina web de Killzone mais seguirá dando soporte en liña

PlayStation retira a páxina web de Killzone mais seguirá dando soporte en liña

Killzone foi unha gloriosa saga de shooters en primeira persoa. Guerrilla Games logrou sacar adiante unha serie de títulos que mesmo serviron de presentación a Sony á hora de cambiar de xeración. Ora ben, a franquía está gardada nun caixón e o último movemento por parte de Sony indica que así seguirá: a compañía retirou a páxina web oficial da marca.

Desde novembro de 2013, non haubo ningún novo título para a saga. Guerrilla Games atopou un novo camiño con Horizon: Zero Dawn e quere seguir por el con Horizon: Forbidden West. Así, o fin da páxina Killzone.com pode non ser unha sorpresa, pero si unha confirmación oficial de que non hai plans para tal franquía. Iso si, malia que a páxina deixe de existir, este feito non afectará os modos multixogador dos distintos xogos que seguen activos.

«A web oficial da franquía Killzone foi retirada. No futuro, os visitantes de Killzone.com serán dirixidos a PlayStation.com. Aínda que este cambio non afecta os modos multixogador en liña, as estatísticas do xogador ou os datos de clasificación de Killzone Mercenary e Killzone Shadow Fall, xa non é posible crear ou administrar clans en Killzone Shadow Fall. Pedimos desculpas por este inconveniente», reza a mensaxe que hai agora na web, acompañadas tamén dunha mostra de agradecemento polo apoio recibido.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.