Actualidade Ratchet & Clank: Unha dimensión aparte xa é gold e queda listo para o a súa estrea

Ratchet & Clank: Unha dimensión aparte xa é gold e queda listo para o a súa estrea

A nova aventura de Ratchet & Clank chegará o 11 de xuño. E non, en principio, non debería haber atraso algún. O xogo xa é gold, o que quere dicir que está listo para a súa fabricación e posterior distribución. Isto non significa que os seus desenvolvedores non poidan seguir traballando en puír algunha que outra característica, que logo veremos en forma de parche de día 1, pero… a obra, en teoría, está rematada.

Configurado como un dos grandes exclusivos para PlayStation deste ano,  Ratchet & Clank: Unha dimensión á parte aproveitará varias das funcións únicas do sistema de Sony. Onte mesmo, unha publicación no seu blogue sinalaba como e cando notariamos estas melloras no mando. «A fidelidade da retroalimentación táctil permítenos dotar a moitos elementos dunha sensación única e integrar efectos alucinantes de forma variada, desde as explosións até os pasos sen que acaben cansando por repetición. Obviamente, a sensación de disparar unha arma ou golpear distintas superficies coa omnichave non podía faltar, pero démonos conta de que quizais poderiamos aproveitar a retroalimentación táctil para crear unha experiencia máis sutil e inmersiva», explican desde Insomniac.

Tamén está o tema da SSD en PS5, que permitirá movernos entre dimensións de xeito instantáneo, algo que en PlayStation 4 non sucderá en tempo real, tal e como explican desde o estudio.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.