Actualidade Red Dead Redemption 2 sairá para PC en novembro

Red Dead Redemption 2 sairá para PC en novembro

Máis aló do anuncio por sorpresa, case de súpeto, pouca dúbida había sobre un feito que tiña que se producir nalgún momento. Rockstar confirmou este venres a saída da súa última obra, Red Dead Redempion 2, para PC. Ocorrerá máis pronto que tarde, o 5 de novembro.

O título de vaqueiros só estaba dispoñíbel para Xbox One e PlayStation 4. Pronto abrirá reservas, en outubro, na Epic Games Store, Greenman Gaming, Humble Store e GameStop. A partir de decembro, tamén estará en Steam, un mes máis tarde que a competencia. Por suposto, tamén será posíbel descargalo a través do recentemente estreado launcher de Rockstar.

Cómpre destacar que na data prevista para a estrea, tamén aparecerá en Stadia, a plataforma de xogo de Google. Toda unha fichaxe que podería atraer curiosos cara ao servizo de xogo do xigante tecnolóxico.

«O primeiro xogo de serie Red Dead Redemption que se presenta na plataforma de PC, Red Dead Redemption 2 para PC presenta unha gama de melloras gráficas e técnicas para unha maior inmersión xunto con novas misións de caza recompensas, agochos de cuadrillas, armas e máis», reza o comunicado oficial da compañía de videoxogos. A versión de computador tamén traerá todas as novidades que se foron introducindo no modo en liña, así como as correccións de erros pasados.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.