Saber Interactive anuncia un xogo baseado no universo de A Quiet Place

Saber Interactive fixo público o desenvolvemento dunha obra baseada no universo das películas de John Krasinski, A Quiet Place. Chegará nalgún momento do vindeiro ano, aínda que non hai xanela de lanzamento concreta.
Se non viches as películas —dúas até hoxe—, A Quiet Place preséntanos un mundo posapocalíptico no que uns extraterrestres dominan o planeta terra por mor da súa enorme resistencia, ferocidade e bo ouvido. A única maneira de evitalos é permanecer en silencio, pois carecen de visión. As cintas de Krasinski apostan por unha mestura de suspense, terror e acción, algo que o estudio responsable, iLLOGIKA, en colaboración con EP1T0ME, semella querer conseguir. «Unha historia e unha xogabilidade orixinais que capturen o suspense, a emoción e o drama polos que é famosa a serie. A Quiet Place permitirá aos fans experimentar a tensión das películas cun nivel de inmersión que nunca antes sentiran», explican os seus responsábeis.
Prometen máis información antes de finais de ano.