Análises Shadow of the Tomb Raider. A escuridade chegou sen guion

Shadow of the Tomb Raider. A escuridade chegou sen guion

Vaian por diante dúas cousas antes de afondar neste Shadow of the Tomb Raider. A primeira é que xogar á nova aventura de Lara Croft é divertido, ou polo menos, debería selo para unha grande maioría deste planeta. Ten acción, tensión, rompecabezas e ata certa épica chegado o momento. A segunda é que esta última parte da triloxía que prometeu narrar o nacemento desa arqueóloga adulta que todos coñecemos peca precisamente diso, de perderse no seu discurso, de esquecer evolucionar cara algo máis cos seus irmáns xa pasados.

Lara segue loitando contra a Trinidade e acabáronse as historias. Esta é unha carreira contrarreloxo. Unha guerra arqueolóxica onde todo vale, e onde a nosa moza protagonista non dubidará en acabar con quen se poña por diante. Ou si? O problema de Shadow of the Tomb Raider, é levar a Lara cara unha escuridade anunciada na que nin ela mesma se sente cómoda. A súa maior doenza é un guión no que a protagonista acaba de matar a un grupo de mercenarios, pensa na ética desa acción, e cinco minutos despois está a facer o mesmo.

Non quero que se mal entenda. A narrativa non é horrible nin está a molestar cada pouco, pero si que ten un punto con Lara onde nada acaba de encaixar de todo. Á marxe de posibles spoilers, sería sinxelo dicir que nesta derradeira parte os seus creadores trataron de crear unha película dentro dunha mecánica de xogabilidade moi acertada (xa posta en escena cos dous primeiros xogos) pero que se dilúe, que lle falta gas, como se non estivera ben tirada a caña que se pediu. O número de cinemáticas aumentou enormemente, pero non se conta máis do que xa se viña dicindo ou o que se escoita nos diálogos é moi obvio.

E xa está. O resto segue intacto. Xogar a Shadow of the Tomb Raider é unha auténtica gozada no seu apartado visual, cunha multitude de escenarios ben creados e fiados entre si. Camiñar pola selva peruana é toda unha experiencia de sons e efectos luminosos, igual que o é pararse un anaco a observar as rutinas dos animais que nela viven e que podemos cazar para obter materiais que, como xa estamos acostumados, poderemos usar na creación de prendas de roupa ou ferramentas varias.

Os momentos de escalada sempre sorprenden pola súa boa execución nos movementos de Lara, que nesta nova aventura pode incluso encherse de barro o corpo para que os inimigos non a detecten entre a maleza e as rochas. Tamén funcionan especialmente ben as zonas de mergullo, xenialmente recreadas. Por certo, xa quixeran os nadadores olímpicos ter os pulmóns que manexa a señorita Croft.

Cunha progresión de habilidades e armas que vai en aumento a medida que avanza a historia, o xogador atópase a gusto. Todo é familiar pero á vez sabe que se puliu na súa xusta medida todo o que coñece. Semella sólido en moitos puntos, e entrar dentro dunha tumba na procura dun obxecto oculto ou perdido é unha experiencia particularmente doce que percorrer. É raro atoparmos un enigma especialmente complexo, máis aínda cando temos esa posibilidade de apertar o stick e facer brillas as pezas do mesmo, pero a cousa funciona ás mil marabillas, e non produce unha sensación de aburrimento. Todo o contrario, é agradábel.

A IA inimiga non é demasiado complexa, e os tiroteos poden resolverse pola vía rápida na maioría dos casos. Hai certa invitación ao sixilo pero non se premia especialmente, xa que aínda ante un grupo de mercenarios ben armados temos as de gañar. Probablemente aí Eidos Montreal (foi este estudio o que asumiu o seu desenvolvemento do xogo e non  Crystal Dynamics coma nas anteriores entregas) caera en certa contradición. O xogo danos armas moi potentes dende os primeiros minutos, pero a intención é que tratemos de pasar inadvertidos. Ao final, é igual, pois non afecta de maneira real á historia.

Shadow of the Tomb Raider non é un mal xogo en si mesmo, pero si palidece fronte ao que se esperaba dun título que debería ser o punto final a ese renacemento de Lara Croft. Tanto Tomb Raider coma Rise of the Tomb Raider, son mellores. Non son perfectos, pero ambos funcionaban correctamente na súa liña, e aínda posuíndo unha narrativa palomitera tampouco querían que esta destacara demasiado, sabendo o que contaban. Eran divertidos, e os seus erros podían verse tapados polas súas virtudes. Shadow of the Tomb Raider toma todas esas mecánicas que os fixeron triunfar, pero esqueceu, nalgún momento, que tiña que ser o broche de ouro a unha triloxía que resucitou un dos símbolos das consolas.

6.9

O mellor

  • Todo o apartado visual é sublime, sobre todo cando a luz invade certos espazos
  • As mecánicas orixinais de exploración, rompecabezas e acción mantéñense divertidas
  • Percorrer as tumbas ten un compoñente adictivo

O peor

  • O torpe guión que leva a diálogos moi forzados e pouco cribles
  • As axudas visuais restan boa parte da gracia á exploración (pódense quitar)
  • A velocidade inhumana de Jonah para chegar antes que Lara aos sitios aínda indo polo camiño máis longo
Carlos Pereiro
Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

1 Comentario
  1. […] historia de Lara Croft non acaba de verse cómoda nas súas puntuacións. Shadow of the Tomb Raider, xa analizado nesta páxina no seu día, trátase dun xogo notable, pero con algunhas carencias importantes. Curiosamente, non é nada do […]

    Responder
Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *