Reportaxes Simulación :: O Simracing galego colle velocidade

Simulación :: O Simracing galego colle velocidade

Nestes tempos estraños nos que o deporte tradicional está afectado pola situación actual de parálise e os videoxogos continúan a lograr marcas históricas nas cifras de usuarios e de ventas ao seren unha das opción máis evidentes do lecer confinado, derívase un resultado en forma de auxe para unha disciplina que une o mundo do deporte de motor —Motorsport, para os da lingua de Shakespeare— cos videoxogos. Cada vez son máis os xogadores que a teñen en conta, ben pola cantidade de usuarios, ben polo talento dos mesmos. Falamos do simracing, a mestura perfecta entre videoxogos e velocidade.

Pero, que é isto do simracing?

Moita xente cre que non é máis que un grupo de rapaces que xogan algún videoxogo de carreiras tipo Gran Turismo ou Assetto Corsa, mais a pouco que un investiga, pode ver que o simracing vai alén desa afirmación inicial: os seus usuarios son verdadeiros pilotos que ao non poder competir nun vehículo real —por motivos xeralmente de índole económica—, entran neste mundo no que a simulación acada cotas de realismo moi elevadas. De aí o seu nome, simracing, que non deixa de ser a unión da simulación coas carreiras —do inglés, race—.

O primeiro que chama a atención dos seus xogadores profesionais, chamamos simracers, é que deixan atrás o clásico mando ou teclado e rato para empregar cockpits, un conxunto de periféricos específicos formado por unha cadeira tipo baqueta, volante con forcefeedback —é dicir, que simula a resistencia física e as vibracións que experimenta un volante real durante a condución—, pedais de todo tipo, panca de cambios, e, no caso específico de rally, mesmo freo de man. Todo isto unido por suposto a un PC de características gaming con máis dunha pantalla cunha disposición que lles permite acadar mellores visualizacións dos tramos nos que se desenvolven as competicións: temos dende as clásicas de circuítos pechados ata probas de montaña, probas de resistencia, rallys e todo tipo de carreiras de vehículos con catro rodas.

Galicia ten moido que dicir

Como vedes, todo un dispositivo que non deixa atrás ningún detalle. É un mundo o que se move arredor destas competicións, e onde unha iniciativa nada na nosa terra ten un destacado papel a nivel xa nada menos que internacional. CES (Campeonato Español de Simulación, www.ces.com.es) é unha plataforma galega que aglutina baixo un mesmo paraugas unha ampla variedade de competicións de simracing, tanto en modalidade individual coma por equipos.

A esencia detrás do CES é promover o salto de xogadores dende o cockpit cara ao asento dun verdadeiro vehículo, ou o que é o mesmo, do virtual pasar a competición real. A entidade leva xa varios anos colleitando éxitos cos seus programas CES Rally Academy e CES Academy, onde varios pilotos tiveron a oportunidade de disputar tanto rallys coma carreiras en circuítos pechados, acadando unha experiencia excepcional con resultados moi positivos. Ben sexa grazas aos acordos con distintos preparadores de vehículos de competición, ou no mesmo vehículo propio oficial da entidade —que xa acumula máis de media ducia de probas nacionais—, os galegos Victor Prim, César Lois  ou Pablo López, medrados na escola CES, xa experimentaron nas carnes de seu ese gran salto. Actualmente sitúanse entre os mellores de Europa en simracing.

Integrantes do comité organizativo de CES.

O traballo de CES non queda só definido coa gran organización das probas tanto virtuais coma reais e a oportunidade brindada aos xogadores. O seu programa conta cunha tarefa de produción de luxo que emite retransmisións en directo das probas a través das súas canles de YouTube e un continuo seguimento nas redes sociais. Deste xeito non só nos permiten aos seareiros seguir todos os detalles das disputas, senón que serven de vía para retar a moitos dos pilotos xa consagrados no mundo do motor a participar das súas competicións e demostrar que se manteñen en forma, e máis agora que coa COVID-19 están recluídos nos seus fogares, aumentando así o espectáculo.

Froito da constancia e o esforzo, o Campeonato Español de Simulación logrou o ano pasado colocarse tras a iniciativa Team Fordzilla do xigante automobilístico Ford. Este recente proxecto nado a nivel europeo, independente do grupo CES, conta no seu cadro de pilotos con moitos dos máis valiosos da canteira de CES.

Está claro que os rapaces e rapazas da entidade galega están a facer un bo traballo e o futuro que se lles presenta por diante ten moita luz, máis agora que outras das grandes marcas coma Renault o Citroën estanse a achegar en masa ao simracing. Seguiremos pendentes do que se coce neste apaixonante mundo virtual de velocidade.

*Artigo escrito en colaboración con Miguel Areán e Candela Nicora, editado por Morcego

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.