"> State of Play :: Sony despide este ano con Resident Evil 3 e Ghost of Tsushima – Revista Morcego
Actualidade State of Play :: Sony despide este ano con Resident Evil 3 e Ghost of Tsushima

State of Play :: Sony despide este ano con Resident Evil 3 e Ghost of Tsushima

Puido ser un derradeiro State of Play fabuloso, pero as filtracións pesan cada vez máis á hora de sorprender un público que cada día asiste a un desfile de rumores —e erros— infinito nas redes sociais. A revisión de Resident Evil 3 tiña de ser un anuncio colosal, dentro dun formato que cada vez presta máis ás compañías, que non é outro que ter os seus altofalantes, as súas canles de retransmisión; pero que se viu embazado polo coñecemento previo, pola seguridade do espectador. Todo o mundo agardaba por RE3, e a súa chamada, a súa presentación, resultou menos espectacular do que se pretendía. Ora ben, logrou sorprender por outros asuntos.

PlayStation despide o ano con poucas sorpresas, pero suficientes. Aínda faltan os anuncios de The Game Awards, pero a xanela de Sony xa se está pechada. Xogos de corte independente conviviron con producións tripla A nunha retransmisión sinxela, pero eficaz. Un formato que se revelou útil a diversos niveis. Mostráronse vellos coñecidos como Babylon’s Fall, que amosou as súas primeiras imaxes en movemento; ou Ghost of  Tsushima, que pecou de brevidade; e albiscáronse pequenas xoias como Superliminal ou unha data de lanzamento oficial para Dreams.

A continuación, tes uhna recompilación de todos os títulos presentados ou citados.

Untitled Goose Game

Os rumores eran certos. Un dos éxitos independentes máis comentados do ano, Untitled Goose Game, chegará tamén a PlayStation 4. Unha boa nova para os xogadores da plataforma, que poñerán gozar facendo o mal cun animal máis enxeñoso do que cabería sospeitar.

Após o seu triunfo en PC, o salto á consola de Sony antollábase sinxelo. Así foi.

Spellbreak

Outro título que xa se podía gozar en PC, aínda en Beta, pero que tamén buscará gloria na máquina negra. Trátase dun battle royale de magos. Non hai mellor definición para a proposta que ofrece Proletariat, e que aínda se está construíndo, aos poucos.

Un gameplay veloz e espectacular, que busca o seu oco nun xénero onde Fortnite elévase como o único rei posíbel. Competir con el é case imposíbel, polo que deberá buscar un espazo de seu.

Dreams

Dous proxectos interesantes deixáronse ver durante o State of Play de hoxe. O primeiro deles foi Dreams, o incrible proxecto dirixido por Media Molecule, que se atopaba en fase de early access e que finalmente puxo data ao seu lanzamento na consola de Sony. Será a partir do 14 de febreiro de 2020 cando poderemos gozar dunha das ferramentas creativas da actualidade, no que o único límite será a nosa imaxinación á hora de crear calquera mundo.

Superliminal

Por outra banda, anunciouse a chegada de Superliminal a PS4. O xogo de Pillow Castle chegará á plataforma principal da compañía xaponesa nalgún momento do ano que vén. Trátase dun xogo que establece paralelismos con grandes obras como Portal ou The Stanley Parable, no que a perspectiva nos xogará unha mala pasada en máis dunha ocasión. Ilusións e crebacabezas danse a man nun título no que os efectos ópticos tomarán o control

Paper Beast

Momento VR. Obrigatorio pasar polo trámite para Sony, que quere seguir nutrindo o seu sistema de realidade virtual. Pouco atractivo se uno non é usuario do sistema, aínda que interesante a proposta que indica.

Trátase da nova obra de Eric Chahi, o creador de Another World e o fundador do estudo francés Pixel Reef. Presenta un ecosistema único, cuns animais que fan honra ao seu título, bestas de papel, e semella contar cunha clara tendencia artística e de exploración.

Predator: Hunting Grounds

Aínda que os xogos mostrados non terminaron aquí, xa que un dos extraterrestres máis temibles fixo acto de presenza durante o directo. Predator: Hunting Grounds, chegará 24 de abril de 2020 a PS4. Nesta ocasión, poderemos encarnar ao alieníxena que en tantas dificultades puxo a Arnold Schwarzenegger e así acabar cunha lexión de soldados.

A xogabilidade é similar á vista noutros títulos asimétricos como Dead by Deadlight ou Venres 13, no que podemos escoller tomar partida polo grupo perseguido ou polo vilán principal, o cal nos confire habilidades especiais aínda que estaremos en inferioridade numérica.

Babylon’s Fall

Doutra banda, un dos traballos máis importantes cos que contaba Square Enix na recámara por fin deixouse ver. Babylon’s Fall, o novo título de Platinum Games, mostrou todo o seu potencial. O último que soubemos del foi o seu anuncio por aquel afastado E3 do ano 2018, no que foi presentado.

Agora, xa podemos velo en acción, lucindo absolutamente espectacular grazas ás mecánicas propias do estudo xaponés. Hack & slash e loitas épicas atoparanse nalgún momento, xa que o xogo non conta aínda cunha data determinada e agardamos unicamente ao verán que vén como próxima actualización do estado do título.

Resident Evil 3

Para que mentir. O anuncio máis aplaudido e o máis desexado por todos os espectadores que estaban a gozar do State of Play. Capcom quixo apostar de novo por revivir un vello clásico de PSX e o aspecto inicial do que parte é difícil de mellorar.

De entrada, o estudio responsábel parece que tamén quixo facer unha chiscadela á xogabilidade de Resident Evil VII e haberá momentos para a primeira persoa, malia que ao longo do gameplay mostrado tamén se viu a Jill disparando coa cámara desde o ombreiro como na súa anterior revisión. Quizais se poida alternar, quizais sexa obrigatorio alternar. Difícil de dicir, pero os seus responsábeis xa dixeron que a aventura será en terceira persoa.

Sexa como for, o aspecto gráfico que ofrece o motor RE Engine segue sorprendendo. Sen dúbida, Raccon City será unha paraxe arrepiante e cheo de criaturas sedentas de sangue. E si. El. Nemesis.

Tamén se confirmou que Resident Evil: Resistance, o xogo asimétrico que Capcom xa mostrara en ocasións anteriores, estará incluído dentro desta nova revisión. Sairá o 3 de abril de 2020. En menos de medio ano.

Ghost of Tsushima

Fugaz, pero vivo. O título sobre o Xapón feudal luciu espectacular na súa primeira aparición naquel E3 do 2018, pero nada máis se volveu a saber del. Quixo Sony lembrar que o xogo segue presente nos seus plans, e alén do breve vídeo mostrado, avisa que tamén estará presente en The Game Awards. Quizais cunha mostra máis ampla do seu potencial. Un feito bastante necesario a estas alturas.

Ghost of Tsushima figura como o último gran exclusivo de Sony para a recta final de xeración, polo menos como o único que non ten data, polo que se prevé que o seu lanzamento realícese a finais de 2020.

Carlos Pereiro
Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.