Actualidade Super Meat Boy, segundo xogo de balde na Epic Games Store

Super Meat Boy, segundo xogo de balde na Epic Games Store

Despois do aclamado Subnautica, chega o segundo xogo de balde que ofrecerá a tenda de Epic Games este mes: Super Meat Boy foi o título elixido, un dos mellores plataformas da última década.

Os creadores de Fortnite téñeno cada vez máis claro. A aposta pola súa tenda dixital é seria. Teñen cartos e teñen os medios. Desta maneira, a plataforma dá continuidade a unha das súas medidas estrela para atraer usuarios cara ao seu paraugas, neste caso, a de dar aos seus usuarios dous xogos ao mes totalmente gratis (a plataforma tampouco require ningún tipo de subscrición).

 Super Meat Boy estará dispoñible para a súa descarga e instalación entre o 28 de decembro e o 10 de xaneiro de 2019. Dúas semanas para obter un xogo de plataformas icónico, vicioso, divertido e desesperante a partes iguais.

Como podo descargalo?

Por se aínda non probaches a Epic Games Store pero tes curiosidade por ela, ou desexas obter esta oferta de Super Meat Boy tan só debes rexistrar unha conta na páxina de Epic Games e descargar o seu launcher. Unha vez abras a aplicación bastará con ir á páxina do produto e compralo, aínda que claro, o seu prezo é de 0,00€. Pasará á túa biblioteca para sempre.

O xogo contaba cun prezo de 13,99 euros, aínda que é certo que nas ofertas do Nadal de Steam pódese adquirir pola tentadora cifra de 1,39 €. Outra opción válida.

En certo sentido, esta é unha oportunidade xenial para gozar dun título que verá chegar a súa nova entrega este 2019, baixo o nome de Super Meat Boy FOREVER.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.