The Waylanders xa está a venda en Steam e GOG

O xogo coruñés The Waylanders por fin está dispoñíbel nas tendas dixitais Steam e GOG. Gato Studio, os responsábeis coruñeses do seu desenvolvemento, deron o visto bo a súa saída, logo dun longo período de creación e probas.
O xogo, que estaba en fase de acceso anticipado, engade agora novo contido e dálle un final a súa historia. Dentro da súa narración son mesturados viaxes no tempo, razas máxicas e reis pasados; engadindo a esas unións unha evidente e destacada presenza de mitos e lendas galegas, amais de lugares emblemáticos do país, como como a fervenza do Ézaro ou a catedral de Santiago de Compostela.
Na práctica e na teoría, The Waylanders vén a ser o videoxogo máis grande feito nunca na Galiza. Sexa a nivel orzamentario, sexa a nivel humano —Gato Studio chegou a contar con 40 persoas traballando asemade na súa creación—. Conta coas voces de actores recoñecidos e tamén cunha tradución ao galego.
O seu camiño comezou logo dun exitoso Kickstarter aló polo ano 2018, intre no que a súa saída estaba estimada para 2020. Finalmente, atrasos e pandemia polo medio, sae agora do forno, aínda que é previsible que reciba distintos parches para mellorar e correxir aspectos e bugs.
O RPG ten un prezo de 39,99 euros en Steam y GOG. Durante as dúas primeiras semanas terá un desconto do 10 %.