Actualidade Xa podes probar a nova biblioteca de Steam

Xa podes probar a nova biblioteca de Steam

Malia que non sexa un lanzamento ao cento por cento, calquera usuario que o desexe xa pode participar na beta aberta de Steam para comprobar o aspecto da súa nova biblioteca. Desde hoxe, 17 de setembro, poderemos coñecer de primeira man o novo aspecto que terá a plataforma, aínda que só sexa neste apartado concreto.

O cambio é evidente. Valve apostou por un deseño moito máis moderno e visual, amais de ofrecer unha serie de características inéditas. Agora, non só amosará os xogos que posuímos, senón que conta cunha serie de elementos novos para facilitar a navegación e a chegada de novidades das obras que posuamos.

  • Actualización – Cando os xogos da túa biblioteca reciban unha actualización ou auspicien un evento, saberalo antes que ninguén. Fai clic nun evento para procurar todas as actualizacións recentes dese xogo.
  • Recentes – Se queres continuar onde o deixaches, este andel mostra os xogos que xogaches ou compraches máis recentemente. Simplemente preme o gran botón verde para volver á acción.
  • Actividade dos amigos – Buscas socializar? Podes ver o que os amigos estiveron facendo e que xogos están a xogar actualmente, mesmo podes atopar un novo xogo que pague a pena.
  • Andeis personalizados – Personaliza a páxina de inicio da túa biblioteca como queiras. Agrega un andel personalizado ou dez, a elección é túa. Destaca as túas coleccións favoritas ou simplemente presume de todos os teus xogos.

Xunto a estes novos elementos, as páxinas dos videoxogos tamén mudaron de deseño, favorecendo a visión xeral dos logros que conseguimos neles e situando por entradas ben diferenciadas as súas últimas actualizacións ou notificacións.

Nun intento de mellorar as relacións coas desenvolvedoras, Steam oferta unha serie de novas ferramentas para publicar eventos e anuncios; segundo a plataforma, isto permitirá máis control e flexibilidade aos estudios para comunicarse cos xogadores —antes este espazo estaba situado soamente na pestana de Comunidade—.

Se non sabes como activar a beta, non te preocupes. Na seguinte ligazón estarás a tan só un clic de gozar dela.

Aspecto da pantalla principal que dá a benvida á nova biblioteca, aínda en fase de probas.

 

 

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.