Disney ficha a Ubisoft para crear un novo xogo de Star Wars de mundo aberto

Lucasfilm Games chegou como un tsunami á industria. Se onte era anunciada a súa creación, á vez que un novo título de Indiana Jones estaba en desenvolvemento baixo a súa supervisión, hoxe tócalle, directamente, a Star Wars. A nova sección de videoxogos de Lucasfilm acaba de confirmar un acordo con Ubisoft e Ubisoft Massive —equipo responsábel de The Division— para crearen unha nova obra da saga galáctica. Será un xogo de mundo aberto.
Alén da noticia de contarmos cun novo xogo de Star Wars, este será o primeiro título realizado por unha compañía distinta a Electronic Arts desde o 2012. Queda máis que claro que a compañía creadora de Fallen Order ou Squadrons non seguirá editando xogos en exclusiva.
We’re thrilled to announce we are working with @Ubisoft and @UbiMassive to develop a brand-new, story-driven, open-world Star Wars adventure!
Learn more about the future of @LucasfilmGames in the Star Wars galaxy and beyond: https://t.co/uO1K1pivl2 pic.twitter.com/wRDccZvi3o
— Lucasfilm Games (@LucasfilmGames) January 13, 2021
Yves Guillemot, cofundador e CEO de Ubisoft, celebrou a noticia nas redes sociais: «Estamos emocionados de que o noso estudio Ubisoft Massive traballe en estreita colaboración con Lucasfilm Games para crearmos unha aventura orixinal de Star Wars que sexa diferente a calquera cousa feita antes».
Sen moitos máis detalles, Massive atópase agora recrutando persoal para o proxecto. Sï que foi confirmada a presenza de Julian Gerighty, director de The Division 2 e The Crew, que pasará a ser o director creativo do xogo. Tamén se utilizará o motor gráfico Snowdrop, propiedade da compañía francesa.
Sobre o futuro de Electronic Arts e Star Wars, Sean Shoptaw, vicepresidente senior de Xogos Globais e Experiencias Interactivas de Disney, explicou en Wired que «EA foi e seguirá sendo un socio moi estratéxico e importante para nós agora e no futuro», pero que senten que «hai espazo para outros».