E3 :: Nintendo presume de éxito gracias a un catálogo de Switch sin techo

E3 :: Nintendo presume de éxito gracias a un catálogo de Switch sin techo

* Artículo pendiente de traducción

Ao pensarmos en videoxogos, na súa industria, está claro que Nintendo xoga noutra liga, noutro deporte. Non ten rival de seu. A súa conferencia no E3 2019 deixou patente unha verdade: a compañía da gran N vive un dos seus mellores momentos creativos e de público. E faino porque ten unha máquina xenial, unha consola chamada Nintendo Switch que comezou con medo, pero o que hoxe dá medo é o seu catálogo. A día de hoxe, perante a listaxe de xogos que posúe, só queda aplaudir e aforrar parar mercar unha Switch, en caso de non tela.

Acho que a empresa xaponesa sabe isto. Por iso só precisa dun vídeo montado con agarimo e bo ritmo para convencer. Aquí non houbo berros, nin yeahs desorbitados; houbo videoxogos no seu estado máis puro, gameplay e datas de lanzamento máis próximas que afastadas. O ano que ten por diante Switch é sobresaínte, un gozo.

Disparou xogos e atinou. O primeiro acto de Nintendo neste E3 deixou titulares varios: The Witcher III chegará para a máquina híbrida, Luigi’s Mansion 3 deixou ver parte da súa xogabilidade, Super Smash Bros. Ultimate contará co(s) protagonista(s) de Dragon Quest…  E si, tamén, quixo xogar a facer maxia, e amosou un adianto por sorpresa da continuación de Zelda: Breath of the Wild. Fixo o que non puido facer Ubisoft por mor das filtracións: sorprender. Convén non esquecelo, nunha feira o obxectivo é ese. Ser lembrado.

Non houbo Metroid, tampouco modelo de consola novo –coido que este último rumor soaba moi raro e até imposible–, nin falta que fixo.

Aos poucos, como ten que ser

A conferencia foi de menos a maís, con Dragon Quest XI S: Echoes of an Elusive Age recordando existencia e deixando caer data de lanzamento, 27 de setembro en Switch. Foi o primeiro JRPG que quixo ser protagonista da presentación e non sería o último, non. Fiando con mestría, Nintendo pasou directamente a Super Smash Bros. Ultimate, xa que un dos seus novos loitadores será o protagonista de Dragon Quest (ou protagonistas, máis ben).

Como non, o irmán de Mario tamén quixo viaxar até California. Alí amosou como será Luigi’s Mansion 3, esa interesante combinación entre acción e quebracabezas. O que ían ser unhas vacacións tranquilas xunto a Mario, Peach ee Toad acaba por ser unha tolemia en toda regra xa que o hotel no que dormen está encantado, e non, as pantasmas non dormen. Semella que incluirá moitas e variadas localizacións, ademais de contar cun multixogador orixinal con até oito persoas conectadas á vez. 

Pode que a presenza de The Legend of Zelda: Link’s Awakening na recta inicial fora unha forma de aumentar a sorpresa co anuncio final pero… alguén non está namorado desta revisión? A través dun novo adianto comprobouse como a nostalxia é forte neste título, pero tamén a orixinalidade e a novidade.

Unha das novas máis importantes pasa pola inclusión dun eeditor de mazmorras que permitirá crear aventuras e retos personalizados. Pinta moi ben a cousa. Por supuesto é exclusivo de Switch, e chegará o 20 de setembro.

Hai que recoñecer que o anuncio de The Witcher III: Wild Hunt na súa edición definitiva para a consola de Nintendo non sorprende, pois xa sabiamos que os rumores eran moi fortes ao redor de tal asunto. Pero hai que deixarse levar. CD Projekt RED terá lista para este ano a versión da súa obra mestra, e o que di Twitter: «se hai que mercalo de novo, dacordo». Por suposto que non se verá igual que nas consolas de Microsoft e Sony, pero abre a porta a que xogos tan grandes coma este, poidan ter tamén cabida en Switch cunha conversión adecuada.

E do bruxo pasouse ao terror. Unha parella xogando nunha vella casa –o típico–, e o xogo escollido non é outro que Resident Evil. Pois iso, que a franquía de Capcom engade Resident Evil 5 e 6 ao catálogo da máquina híbrida. Aterrarán en outono. Os que xa están dispoñibles son Resident Evil 0, Resident Evil Remake, Resident Evil 4 e Revelations.

Cambiando radicalmente de tema, xa era sabido por toda a comunidade que Suda 51 quería desenvolver No More Heroes 3. Xa é oficial, o xogo de acción é seu. A través dun adianto cargado de acción deixouse querer pola audiencia. A historia contará con Travis Touchdown como protagonista e quere manter as premisas orixinais da saga, fuxindo do carácter máis experimental da súa última entrega.Data? Non exacta, pero quere saír o próximo ano.

Os heroes de Marvel tamén apareceron grazas a Marvel Ultimate Alliance 3, que chegará en apenas un mes. Contará cun Expansion Pass que achegará contidos de Marvel Knights, X-Men e Catro Fantásticos a partires de outono.

Os máis veteranos puidemos arquear a cella cando o que había en pantalla semellaba ser un dragón voando. E tiña moita pinta de ser Panzer Dragonn. Pois un máis un son dous. Confirmouse a revisión do xogo orixinal de Sega Saturn que saíu aló polo ano 95. Todo indica que seguirá as pautas do vello título, e aínda están por coñecerse as novidades. Non ten data de lanzamento, por iso pode que a cousa tarde un chisco en aparecer oficialmente.

O JRPG máis clásico fixo a súa aprición Trials of Mana, revisión do Seiken Densetsu 3, que non fora editado en Occidente. Por suposto, Fire Emblem: Thre Houses fixo acto de presencia apostando forte polas cinemáticas e amosando un impresionante apartado visual. Tamén houbo acción con Daemon X Machina, que verá a luz o 13 de setembro e promete ser todo un bombazo para os amantes do espectáculo máis directo e puro.

Daemon X Machina sairá o 13 de setembro.

Doutra banda, atopamos o impresionante Astral Chain, de Platinum Games. Unha aventura que ten lugar nunha gran cidadee coñecida como A Arca, e que onde se sitúa un portal interdimencional, unha porta de entrada a estrañas criaturas. Nese contexto, os membros da unidadee Neuron loitan contra eses monstros, pero non poden eles sós, precisan da Lexión, unha arma que é tamén un robot orgáninco.

Moi interesante a aparición de Empire of Sin, un título ambientando no Chicago dos anos 20, aquele tempos nos que a mafia italiana dominaba as rúas estadounidenses e a lei seca traera máis problemas que solucións. Para compensar o asunto, a continuación tamén puidemos o xogo dee Mario & Sonic: At the Olympic Games. Si, os xogos tamén van á Olimpíada.

Xa na recta final, e como non podía ser doutro xeito, Animal Crossing presentou data de lanzamento e primeiro adianto audiovisual. Leva o subtítulo de New Horizons, Nintendo pediu desculpas pola súa tardanza en amosa algo do xogo, e explicou que o atraso servirá para que o título acade os estándares de calidade da marca e as expectativas dos seguidores da franquía.

Non se puido ver moito, pero sabemos que a acción transcorerá nunha illa deserta na que iniciaremos unha nova vida. Nos vindeiros días haberá máis información sobre a obra.

Como é habitual neste tipo de conferencias, houbo o mítico momento ametralladora, moitos nomes, moitos xogos, moitas chegadas. Por exemplo? Alien Isolation, Spyro Reignited Trilogy, Hollow Knight: Silksong, Minecraft Dungeons, The Elder Scrolls: Blades, My Friend Pedro, DOOM Eternal,  The Sinking City, Wolfenstein: Youngblood, Dead by Daylight, Dragon Quest: Builders 2, Stranger Things 3, Catan, Dauntless ou Super Mario Maker 2, entre outros.

Para rematar, todo apuntaba a algo relacionado con Donkey Kong, pero transformouse nun novo anuncio para Super Smash Bros. Ultimate, con Banjo e Kazooie. Si, tamén estarán presentes no xogo de loita. Chegarán a finais deste ano.

Pero aínda faltaba o derradeiro anuncio, a maxia da sorpresa máxima. A través dun escuro adianto, puidemos coñecer que Zelda: Breath of the Wild non contará cunha expansión, senón cun novo videoxogo, un novo capítulo ao completo. Non se deu nome como tal, pero o adianto semella xenial. Hai que velo.

 

 

 

Carlos Pereiro
Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *