Actualidad FIFA e Electronic Arts inician novos camiños por separado

FIFA e Electronic Arts inician novos camiños por separado

Igual semella unha sorpresa de enormes proporcións, mais é certo que os rumores dunha posíbel ruptura entre Electronic Arts e FIFA levaban sendo unha constante ao longo dos últimos meses. Queda atrás unha relación que elevou o concepto do fútbol dentro do videoxogo, proporcionando, cada ano, o simulador por excelencia deste deporte e unha especie de imprescindíbel nas bibliotecas de millóns de persoas. «Botamos un FIFA?»

Electronic Arts, a través dun comunicado, anunciou este martes que despois de 30 anos da FIFA, iniciará un novo camiño como EA Sports FC. Antes chegará FIFA 23 nalgún intre deste ano, pero será a derradeira colaboración entre as dúas casas —polo menos polo de agora—.

En principio, teremos de agardar para ver como de fondos os cambios, no fin de contas, todo o proceso técnico —motor gráfico, mecánicas, experiencia…— é de EA, polo que o xogo que saque sen ser FIFA seguirá a ser moi semellante, por non dicir igual. Nese sentido, tamén estarán presentes os máis de 700 equipos cos seus 19.000 futbolistas, máis de 100 estadios e 30 ligas. E si, o Ultimate Team e todas esas cousas.

Pero si haberá FIFA

A cousa é que a propia FIFA dixo que seguirá habendo un xogo chamado FIFA e que este será «o mellor», polo que aínda podemos ter unha boa telenovela entre mans.

Podo asegurarlles que o único xogo real e auténtico co nome de FIFA será o mellor xogo dispoñible para xogadores e seareiros do fútbol. O nome de FIFA é o único título global e orixinal. FIFA 23, FIFA 24, FIFA 25 e FIFA 26, e así sucesivamente: a constante é o nome de FIFA e permanecerá para sempre e seguirá sendo o mellor

Así reza o comunicado emitido pola entidade futbolística, que mesmo prometen máis xogos ao redor da franquía principal.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.