Sony anuncia un novo State of Play centrado en Hogwarts Legacy
Sony anunciou un novo State of Play para esta semana, concretamente o xoves 17 de marzo. Estará centrado en Hogwarts Legacy, o título que está por vir ambientado no universo de Harry Potter.
Sobre as 22 horas, comezará a emisión de vinte minutos programada pola compañía xaponesa nas canles oficiais de PlayStation en Twitch e no YouTube. Que veremos? Pois seica catorce minutos de gameplay. A cousa promete bastante, pois desde que se anunciou este RPG non son poucos que ven nel esa experiencia definitiva —e ansiada— que é a de deixar de ser muggles e entrar de cheo no mundo da maxia.
O certo é que tamén serán as primeiras imaxes reais do xogo, xa que desde o seu anuncio, aló polo 2020, non tivemos máis novas que anuncios de adiamentos. Chegará para PlayStation 5, Xbox Series X|S, PlayStation 4, Xbox One e PC.