Actualidade Astral Chain xa é a mellor estrea de Platinum Games no Reino Unido

Astral Chain xa é a mellor estrea de Platinum Games no Reino Unido

Nintendo mantén o seu particular idilio con Reino Unido, ocupando os postos de títulos máis vendidos cunha facilidade abraiante. Non é para menos. Ao longo deste verán, a chegada de títulos como Super Mario Maker fixo das vendas case un monólogo, e a compañía da gran N só pode sorrir. Esta semana, a estrea de Astral Chain foi demoledora.

O novo xogo de Platinum Games alzouse como o mellor debut da compañía en terras inglesas e asina o sexto número 1 para Nintendo Switch este ano. E iso que non se contan as vendas dixitais.

A continuación, tes o top 10 dos videoxogos máis vendidos en Reino Unido na semana do 26 de agosto ao 1 de setembro:

  1. Astral Chain
  2. Wreckfest
  3. The Dark Pictures Anthology: Man of Medan
  4. Control
  5. Mario Kart 8: Deluxe
  6. Crash Team Racing: Nitro-Fueled
  7. Super Mario Maker 2
  8. Marvel’s Spider-Man
  9. Grand Theft Auto V
  10. Tom Clancy’s The Division 2
Unha volta gloriosa

Platinum Games é esa compañía que ofreceu ao mundo algúns das obras máis determinantes no xénero de acción estes últimos anos: Nier: Automata e Bayonetta 2 . A chegada ás tendas de Astral Chain trouxo un unha choiva de críticas positivas. De novo, o bo facer do estudio é evidente.

Pronto poderemos falar disto en  Morcego, pero abonda con dicir que o título presume dunha estraña debilidade ao comezo, debido a un manexo e un control moi persoal; porén, segundo pasan as horas, un dáse de conta de todas as posibilidades e tolemias que pode facer ao interiorizar os movementos e o esquema de xogo.

Unha historia que podería pertencer a calquera anime —a súa estética e deseño visual bebe desa fonte— prepara ao xogador para unha montaña rusa de emocións, responsabilidades e labores. Se estás a pensar en mercar ou non con Astral Chain, non o dubides demasiado. A resposta é si.

Nos vindeiros días, agardamos ter lista a nosa análise para Morcego.

 

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.