Actualidade EA e Valve anuncian a chegada de SW: Jedi Fallen Order e máis títulos a Steam

EA e Valve anuncian a chegada de SW: Jedi Fallen Order e máis títulos a Steam

Hai parellas que nunca deberían separarse. Após case unha década sen ir da man, Electronic Arts e Valve volven ofrecer xogos en conxunto. Así o acaba de confirmar a distribuidora estadounidense na súa conta oficial de Twitter.

«A partir da próxima primavera, EA Access chegará a Steam», sinala o comunicado que realizou Electronic Arts para anunciar este acordo. «EA Access será o único servizo de subscrición dispoñible en Steam, converténdose na cuarta plataforma en incluír unha subscrición de EA», o que amplía en gran medida o radio de mercado do que dispuxo durante estes últimos anos a editora de xogos como FIFA ou Need for Speed.

A asociación comeza con Star Wars Jedi: Fallen Order, dispoñíbel o 15 de novembro e que xa pode ser reservado. Nos vindeiros meses, os xogadores de Steam poderán xogar tamén a outros títulos importantes, como The Sims 4 e Unravel Two. Iso si, para xogar os títulos multixogador, como son Apex Legends, FIFA 20 ou Battlefield V, haberá que agardar até o ano que vén. E si, os xogadores de Origin e Steam poderán xogar xuntos.

Trailer de lanzamento de Star Wars: Jedi Fallen Order

As novas non rematan aquí. Tal e como se indica no acordo, a asociación pasa por unha galaxia moi, moi afastada. E para celebralo, EA lanzou o trailer definitivo de Star Wars: Jedi Fallen Order, que podedes gozar aquí mesmo, coa súa dobraxe ao castelán.

Juan Sanmartín

Colaborador de Morcego. Videoxogos, deporte, cómics ou cine son as miñas paixóns.