Actualidade John Romero crea un novo nivel de DOOM II para recadar fondos de axuda a Ucraína

John Romero crea un novo nivel de DOOM II para recadar fondos de axuda a Ucraína

Continúa a guerra entre Rusia e Ucraína e non son poucas as mostras de apoio internacionais que foron chegando cara ao segundo país. O conflito bélico mantén en suspense ao planeta e a industria do videoxogo, non allea ao mundo real, e que tamén viviu estes días algúns movementos de apoio ao pobo ucraíno.

Electronic Arts, por exemplo, realizou algunhas mudanzas en varios dos seus títulos, como en FIFA 22, eliminando a todos os clubes rusos das súas competicións dixitais; namentres que CD Projekt RED xa non seguirá vendendo os seus xogos en territorio ruso e bielorruso. Agora, John Romero confirmou a creación pola súa banda dun novo nivel de DOOM II, o legendario FPS de id Software, que suporía a súa primeira ampliación en case trinta anos.

O nivel está dispoñíbel a través da seguinte páxina web e, malia ser de pago (cinco euros), Romero anunciou que todas as ganancias xeradas pola súa venda serán destinadas á Cruz Vermella e ao Fondo Central para á Acción en Casos de Emerxencia de Ucraína.

Aquelas persoas que queiran gozar do novo nivel precisarán dunha copia orixinal de DOOM II para poder xogar a One Humanity, nome oficial da ampliación. Ademais, na mesma páxina aparece indicado que esta pode ser descargada até un máximo de tres veces coa ligszón proporcionadoa tralo pago.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.