Actualidade Marshmello e o seu concerto para 10 millóns de xogadores

Marshmello e o seu concerto para 10 millóns de xogadores

As regras do entretemento mudaron con Fortnite. Un xogo de récords. O título que converteu a Epic Games nunha das compañías de videoxogos con máis beneficios do planeta. Aínda de moda, sen final aparente para o seu éxito, este battle royale segue achegando titulares sorprendentes. O último non é outro que o dar cabida a un pequeno concerto do DJ Marshmello e que este acabe sendo visto por dez millóns de xogadores. Outra cifra absurda para a lista de números que rodean e definen  Fortnite.

Durante dez minutos, todas as partidas do título de Epic sufriron un parón para poder asistir ao evento musical no Parque Pracenteiro. Durante ese lapso de tempo (que comezou ás 20 horas, este pasado sábado, hora peninsular) desactiváronse as armas e todos os xogadores puideron resucitar e asistir ao concerto para bailar, saltar ou facer o que desexasen. En total, 10 millóns de usuarios escoitaron e viron ao DJ enmascarado dentro do propio Fortnite. O número de persoas, a maiores, que puideron seguilo a través de streaming é descoñecido. Na súa canle de YouTube oficial, o vídeo xa superou as cinco millóns de reproducións.

Sobra dicir que as redes sociais tamén se envorcaron coa súa cobertura. Tanto en Twitter como en Instagram sucedéronse os clips e os vídeos relacionados con Fortnite e Marshmello dende o inicio do concerto. O battle royale de Epic voltou demostrar que pode paralizar durante dez minutos medio planeta se así llo propón.

Marshmello, durante unha actuación en directo.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.