Actualidade Myth: Gods of Asgard, a descarada copia de Hades para iOS e Android

Myth: Gods of Asgard, a descarada copia de Hades para iOS e Android

Que hai obras que poden estar inspiradas noutras, aprenden e utilizan ferramentas similares para triunfaren non é un segredo. Ora ben, a inspiración ou a toma de referencias nunca debe acabar nunha copia descarada e absoluta da orixinal. Todos copiamos algún exercicio na escola, e todos sabiamos que facelo letra a letra non era a mellor idea. Quizais os responsables de Myth: Gods of Asgard non entenderon este concepto, pois están a crear unha copia descarada de Hades para dispositivos móbiles. É máis fácil velo que explicalo:

Así é. Se xogaches o título de Supergiant Games comprobarás como todo o apartado visual de Myth: Gods of Asgard é unha copia industrial de Hades. Por suposto, moitos xogadores así o percibiron e deixaorn as súas mensaxes no vídeo da beta e en diferentes foros de Internet. «This is literally Hades reskinned» (Isto é literalmente Hades cunha skin nova), comenta un usuario no YouTube. «Did… did they think they were being slick with this? they absolutely stole every part of Hades and threw on a terrible skin and called it a new game» (Pensaron que estaban sendo astutos con isto? Roubaron absolutamente cada parte de Hades para logo poñerlle unha skin terrible e chamalo como un xogo novo), sinala outro.

O novo xogo preséntase como un roguelike de mazmorras que se xoga desde unha perspectiva isométrica, onde poderemos xogar como unha figura da mitoloxía nórdica —Thor, Valkiria, Sigfrido ou moitos outros personaxe, segundo a descrición do xogo en Youtube— e teremos a tarefa de deter o Ragnarok. A medida que avanzas nas runs, podes gañar bendicións dos deuses de Asgard que aumentan o teu poder.

Myth: Gods of Asgard ten previsto o seu lanzamento en Android e iOS. Polo momento, non aparece nas listaxes de forma oficial en ningunha das dúas tendas, malia que si hai unha beta para Android dispoñible a través de TapTap.io. Seguindo a información desta páxina, Mana Games sería o desenvolvedor detrás do título. Iso si, non ten nada co que ver co estudio Mana Games con sede en Francia, fundado en 2004, e que publica principalmente xogos de tenis.

Kotaku púxose en contacto con Supergiant Games para lles preguntar sobre este futuro título. Desde o estudio comentan que agradecen «toda a preocupación expresada polos fans de Hades desde que este xogo saíu á luz». «Nunca oiramos falar deste xogo, así que lle expuxemos o asunto ao noso asesor legal e estamos a explorar as nosas opcións», explica Greg Kasavin á revista internacional. «Aínda non xoguei persoalmente o xogo, mais as imaxes e o vídeo de xogo amosan moitas similitudes visuais sorprendentes con Hades de xeito preocupante».

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.