Actualidade O primeiro parche de Animal Crossing corrixe o glitch de clonar obxectos

O primeiro parche de Animal Crossing corrixe o glitch de clonar obxectos

Uns días despois do seu lanzamento, Nintendo vén de lanzar un novo parche para Animal Crossing: New Horizons, o 1.1.1. Non esperes novo contido, aos poucos, irá chegando co tempo. Trátase esta dunha actualización formal, que dá solución a un glitch bastante coñecido pola comunidade, que afectaba o equilibrio do propio xogo ao permitir a clonación de obxectos.

O erro estaba a se facer bastante popular nas redes sociais e, na práctica, estragaba a experiencia máis acougada e o esforzo diario que a nova entrega profesa. É máis que lóxico que Nintendo quixese solucionalo de raíz, sendo a única anotación que inclúe neste parche. Emporiso, queres seguir dándolle uso a este erro? Poderías non descargar a actualización, xa que esta non se habilitará até que peches a aplicación.

Este venres, no noso Patreon, subiremos un monográfico especial Animal Crossing: New Horizons, onde o equipo da Gruta de Gizamaluke comentará e contará as súas experiencias coa nova entrega. O domingo estará en aberto en Ivoox, Spotify e iTunes.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.