Actualidade Remedy Entertainment traballa en dous novos proxectos sen anunciar

Remedy Entertainment traballa en dous novos proxectos sen anunciar

Época de informes fiscais e balances financeiros. É a quenda de Remedy Entertainment, que vén de revelar nos seus resultados que está a traballar en dous novos proxectos que aínda non foron anunciados. A posibilidade de desenvolver varios títulos á vez forma parte da súa fase de expansión, na que a publicación de Control era fundamental para chegar a este punto.

O primeiro título recibiu o nome en clave de Vanguard, un multixogador de servizo, que dispón dunha build xogábel para os traballadores do estudio. Poucos detalles máis se coñecen, agás que non utilizará o motor Northlight de Remedy e que non sairá este ano. Doutra banda, atópase o outro proxecto no que están a investir esforzos pero do que non transcendeu información algunha.

Independentemente destas dúas obras, a compañía traballa en dúas expansións para o seu laureado Control, que chegarán este 2020. Ademais, tamén están a desenvolver un proxecto relacionado con Crossfire que xa tería finalizada a súa produción.

Juan Sanmartín

Colaborador de Morcego. Videoxogos, deporte, cómics ou cine son as miñas paixóns.