Actualidade Será obrigatorio ter conta en Facebook para usar dispositivos Oculus a partir de outubro

Será obrigatorio ter conta en Facebook para usar dispositivos Oculus a partir de outubro

Oculus vén de anunciar unha nova actualización para os seus dispositivos que espertou diversas reaccións entre os seus usuarios. A partir deste outubro será obrigatorio ter un perfil de Facebook asociado ao sistema de realidade virtual para poder utilizar o dispositivo. Até o de agora só era preciso un correo electrónico —se se quería facer uso do multixogador si era necesaria unha conta na rede social de Mark Zuckerberg—.

Este requisito terá un carácter obrigatorio para todos os usuarios do sistema, mesmo para aqueles que xa tiñan nas súas mans algún dos dispositivos. Segundo os termos expostos pola compañía, poderase usar a conta no servizo durante un máximo de dous anos se non se unifica con Facebook, podendo non funcionar algúns xogos nin sacar todo o mollo ao aparello.

Segundo o explicado pola empresa, un dos principais motivos polos que se tomou esta decisión é o de asegurar unha identidade real para protexer á comunidade de Oculus ao estar todos os perfís asociados a unha conta persoal nesta rede social.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.