Actualidade Star Wars Jedi: Fallen Order recibe unha actualización con novos modos de xogo

Star Wars Jedi: Fallen Order recibe unha actualización con novos modos de xogo

Unha actualización chega a unha galaxia moi, moi afastada. Star Wars Jedi: Fallen Order vén de recibir un novo parche de balde que engade mais contido ao título de Respawn Entertainment. Unha das implementacións máis destacadas é o New Game+, un modo que existe en numerosos xogos da industria e que permite comezar unha nova partida pero conservando todos os nosos obxectos e habilidades obtidos anteriormente con Cal.

Melloras de accesibilidade e correccións de erros acompañan a dous modos de xogo que achegan unha maior rexogabilidade. O primeiro deles son os doce Retos de Combate, nos que loitaremos contra hordas de inimigos e permitirá o acceso a diferentes modelos para o noso compañeiro robot BD-1. Doutra banda, aterra Battle Grid. Nesta modalidade poderemos crear e personalizar o noso propio escenario de batalla, podendo escoller o lugar, a orde de aparición dos rivais, a dificultade e moitas outras opcións.

Juan Sanmartín

Colaborador de Morcego. Videoxogos, deporte, cómics ou cine son as miñas paixóns.