Actualidade The Waylanders loce impoñente nos seus novos adiantos e ficha talento internacional

The Waylanders loce impoñente nos seus novos adiantos e ficha talento internacional

Gato Studio sorprendeu gratamente na Gamescom 2019, xusto un ano despois de anunciar The Waylanders, ese ambicioso proxecto que se define por ser o videoxogo máis grande feito nunca na comunidade galega.

Desde Colonia, Alemaña, non son poucas as noticias e detalles que chegan sobre esta aventura dixital e que foron saíndo á luz nestas últimas horas. The Waylanders avanzou con paso firme ao longo deste último ano e sorprende agora cun aspecto sobresaliente nos seus novos adiantos.

O título ten programada a súa saída durante a primeira metade do 2020. Preséntase como un RPG imprescindíbel para os amantes do xénero, cunha marcada influencia da saga Dragon Age, pero tamén cun carácter único e persoal, ao beber da fonte a mitoloxía celta e usar as paraxes galegas como escenarios virtuais.

A continuación, podes ver o novo gameplay que Gato Studio publicou este venres.

O estudio coruñés tamén quixo anunciar dúas novas fichaxes de peso para o equipo que se atopa detrás do proxecto. Chris Avellone —Fallout, Star Wars: Jedi Fallen Order, Vampire: The Masquerade – Bloodlines 2— únese ao departamento de guión xunto a Emily Grace Buck. Tamén aterra no grupo de traballo Inon ZurFallout 3, Dragon Age: Origins, gañador dun premio Emmy— como Lead Music Artist.

Desde Gato Studio queren lembrar que The Waylanders será unha «unha experiencia única que viaxa no tempo entre dúas épocas distintas, a celta e a medieval, e que contará unha historia pasada por alto» en moitos outros títulos fantásticos. Durante a aventura poderemos tomar decisións que afectarán directamente á narrativa, sorprendendo e fascinando aos xogadores.

A día de hoxe, o sistema de combate posuirá un aire táctico e profundo, a través de seis clases básicas, trinta clases avanzadas e cinco razas a elixir. A personalización estará á orde do día e os xogadores poderán falar cos seus compañeiros de aventura, descubrir o seu pasado, xogar misións de maneira conxunta e até ter algún romance.

The Waylanders pode ser engadido xa á túa listaxe de desexados de Steam.

O xogo experimentou unha enorme melloría gráfica no último ano.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.