Análises Tony Hawk’s Pro Skater 1+2 :: Nostalxia e flow

Tony Hawk’s Pro Skater 1+2 :: Nostalxia e flow

Non existen moitas franquías que deixaran tan bos recordos como os xogos de Tony Hawk’ s Pro Skater. Unha saga que, no final da década dos 90 e principios dos 00’ s, deixou pegada tanto no medio como nos xogadores. De feito, non sería para nada desatinado considerar os seus dous primeiros títulos como transcendentais, non só como videoxogos, senón tamén a nivel cultural, xa que supuxeron a representación do mundo suburbano a través do skateboarding.

Comparativa entre o remaster e o primeiro Tony Hawk

Tony Hawk’ s Pro Skater era un xogo rápido, agradábel e, sobre todo, desafiante. Un deses xogos cos que é doado que quedes enganchado porque senta ben, é sinxelo e, asemade, é un reto progresivo para chegar a alcanzar a mellor puntuación posíbel. Acompañado por unha banda sonora punk-rock, moi da súa época e do ambiente que quería representar, o primeiro THPS fixo que toda unha xeración pasara tardes enteiras facendo trucos imposíbeis na pel de lendas da patineta como Tony Hawk, Chad Muska, Rodney Abrandan, Steve Caballero ou Elissa Steamer.

Ao longo de varias entregas, Neversoft desenvolveu unha serie de xogos que definirían o seu propio xénero, un arcade puro que, co paso do tempo e o cambio de estudo, acabou por perder gran parte do seu encanto. Vinte anos despois, da man de Vicarious Visions (responsábeis da revisión de Crash Bandicoot), chéganos unha remasterización dos dous primeiros Tony Hawk’ s Pro Skater. Unha remasterización que soubo ver as virtudes daqueles xogos e levalas a un novo nivel.

Nada cambia, todo cambia

O primeiro que chama a atención de Tony Hawk’ s Pro Skater 1+2 é a obvia mellora a nivel visual: novo apartado gráfico, unha maior resolución, novas texturas, mellores animacións e modelos novos para uns skaters algo máis envellecidos. Estamos ante un traballo completo á hora de refacer o xogo a nivel visual, pero sen perverter a esencia artística dos xogos orixinais. Algo parecido sucede co apartado sonoro, que conserva as cancións dos xogos orixinais, pero permite engadir pistas totalmente novas, que perfectamente poderían estar na banda sonora do THPS ou o THPS 2.

Os escenarios deste remaster locen espectaculares

Ademais, os cambios en THPS 1+2 non quedan só no seu parte visual, tamén inclúe algunhas melloras na súa xogabilidade. Isto fai que, aínda que ao volver xogar as sensacións sexan as mesmas, todo é distinto, séntese moito mellor e funciona mellor que hai 20 anos. Cambios sutís e pequenos engadidos que modifican os orixinais para que resulte un xogo atractivo a quen, por idade, non xogou a ningunha das entregas antigas.

Deste xeito, non estamos ante un xogo que sexa plenamente fiel aos orixinais, e non só porque inclúa novos skaters, senón porque inclúe movementos e mecánicas que foron introducidas en entregas posteriores ou que estaban presentes no Tony Hawk’ s Pro Skater 2 pero non no primeiro. Cambios que non importan, porque as mans van responder e a túa memoria vai interpretalo coma algo xa xogado. Amaias disto, vai facer moito máis agradábel a entrada para quen chegue por primeira vez á saga, xa que os xogos orixinais, aínda que sigan frescos, si é certo que, a día de hoxe, poden resultar algo bastos.

As tres modalidades de xogo neste Tony Hawk’s Pro Skater 1+2

Porén, no mundo ‘gamer’, xogar coa nostalxia e facer sutís cambios nas lembranzas dos fans pode ser unha arma de dobre fío, pero semella que desde Vicarious Visions son plenamente conscientes diso. Por iso, para os máis puristas dos xogos orixinais nada ten por que cambiar a pesar de que todo cambiase. Desta forma, para os xogadores máis esixentes ou para aqueles que queiran revivir os xogos exactamente como os lembran, existe a opción de bloquear e limitar os movementos que non queiras que estean presentes. Isto fai que poidas xogar co que estaba presente en THPS, eliminando todo o que sexa posterior, ou xogar só coas opcións de THPS2.

Un xogo no que todo flúe

Xogar a THPS 1+2 é estar continuamente en estado de flow. É moi fácil entrar a el e quedar completamente absorto, encadeando unha partida tras outra sen sentir, en ningún momento, que estás a facer sempre o mesmo. É un xogo arcade no que o único que importa é o game feel, como te sentes como xogador e como se fusiona o mando coas túas mans para rematar nese estado no que o único que existe é o que hai dentro da pantalla.

En THPS 1+2 todo flúe porque todo está igual de ben deseñado que o material orixinal. Malia que os xogos de hai 20 anos seguen sentíndose frescos e esa frescura trasládase e percíbese en THPS 1+2, poderiamos chegar a dicir que, quizais, o remake está mellor feito que os xogos orixinais. En Vicarious Visions souberon captar o que facía especiais a eses xogos e adaptárono a vinte anos de evolución do medio sen perder nadiña da orixinalidade da saga.

Se fuches un habitual dos xogos de Tony Hawk, o esforzo que vas ter que facer para recuperar estas sensacións é mínimo. Após aterrar unhas cantas veces cos dentes, enseguida vas poder empezar a encadear trucos e combos, que te guiaran cara a ese estado de flow e, de súpeto, sen darte conta, terán pasado tres horas diante da pantalla. Ao mesmo tempo, emporiso, é un desafío constante porque a súa curva de dificultade dispárase en canto queres tentar dominalo e facer combos e percorridos perfectos.

Son moitas as opcións de personalización a nosa disposición.

Doutra banda, para aqueles que chegan novos á saga existen titoriais para que se poidan familiarizar con todo o abanico de posibilidades que THPS 1+2 ofrece. Ademais, para quen o necesite, as opcións de accesibilidade son amplas: desde eliminar as caídas ata quitar os indicadores de equilibrio. Moitas opcións para que cada un poida axustar o xogo ás súas necesidades e gozalo aínda máis.

Unha aposta polo arcade

Ás veces cando nos enfrontamos a remakes ou remasterizaciones, atopámonos con que fusilaron o material orixinal. Un medo que sempre está presente cando se anuncian este tipo de propostas, ben sexan xogos, series ou películas que, polo motivo que sexa, gustáronnos ou foron importantes nunha parte da nosa vida. Ás veces tamén pasa que o material orixinal non era tan bo como nós pensabamos e resulta que refacelo non só é necesario, senón que tamén o mellora.

Isto non é algo que pase con THPS1+2, xa que se nota que confía nos xogos orixinais, en como estaban deseñados, no tipo de xogabilidade que ofrecían e en como sentían á hora de xogalos. Para facer isto, achégase desde fóra, non en modo nostálxico, senón cunha perspectiva crítica e analítica. En Vicarious Visions saben ver cales son os elementos de deseño que non funcionan a día de hoxe e non teñen ningún problema en puílos ou cambialos. Desta forma, este remake resulta ser unha experiencia distinta pero familiar. THPS 1+2 introduce os cambios necesarios para traer ao presente unha saga que foi clave hai 20 anos e tamén permite que se acheguen a ela tanto os novatos como os nostálxicos.

Son moitos os segredos que agardan ser descubertos en todos os escenarios

Vicarious Visions soubo plasmar a esencia arcade e adaptala ás necesidades do público actual dando como resultado non só un bo remake, senón tamén un xogo necesario. E é que, aínda que haxa un certo rexurdimento dos xogos de skate nos últimos anos (Session, Skater XL ou Skate 4), os xogos de Tony Hawk sempre foron un pouco pola súa banda. Namentres outros tentan representar, ata determinado punto, a experiencia do skate, THPS 1+2 rescata a importancia do marcador e fai especial énfase na espectacularidade, nos trucos e movementos imposíbeis. Un achegamento arcade que pouco ou nada ten que ver con aqueles que pretenden emular o deporte real, nunha aproximación que, quizais, achégase máis á cultura que rodea ao mundo do skateboarding

THPS 1+2 é unha viaxe ao pasado, cargado de nostalxia e boas ideas ben executadas. Un traballo que abriu a porta á recuperación dunha franquía fundamental dentro da historia dos videoxogos. Unha revitalización que facía falta e era necesaria para lembrarnos o divertido que pode ser ir montado sobre un monopatín.

9.0

O mellor

  • Presenta unha xogabilidade puramente arcade que se sente moi satisfactoria
  • Hai un gran traballo no que se refire ao apartado gráfico
  • Conserva e mellora a frescura dos xogos orixinais
  • É unha gran homenaxe a xogos transcendentais dentro do medio

O peor

  • O modo multixogador é máis accesorio que necesario
  • Pequenos glitches, personaxes que se quedan atascados ou que traspasan elementos, pero que non inflúe para nada na experiencia
Esteban Canle

Colaborador de Morcego. Gústame falar, ler e escribir sobre videoxogos.