eSports Twitch expulsa a un usuario sete días por retransmitir ebrio

Twitch expulsa a un usuario sete días por retransmitir ebrio

A plataforma morada non está para bromas. Twitch acaba de denegar os seus servizos durante sete días a Mango, xogador profesional de Smash Bros e streamer. O motivo? Aparecer ebrio en cámara ata tal punto de parecer que desfalecía na mesma cadeira dende a que falaba.

Josep “Mango” Márquez é un dos integrantes do equipo de deportes electrónicos Cloud9. A celebración da vitoria dos Philadelphia Eagles sobre os Chicago Bears nos play-offs da NFL saíulle un tanto cara. O seu aparente esvaemento cara ao chan foi a pinga que colmou o vaso durante a súa retransmisión. Podes ver ese momento aquí.

O xogador volveu un intre despois ante a cámara, aínda que permaneceu varios minutos fóra de plano. Posteriormente deu por finalizado o directo. A plataforma reaccionou rapidamente e expulsouno por “consumo perigoso de drogas ou alcol”. Sete días sen poder usar os seus servizos.

“Para que conste en acta… Non desfalecín na transmisión”, sinala o xogador na súa conta de Twitter. “De broma desliceime cara abaixo para facer a graza porque quería tomarme un descanso. Baixei falar coa miña noiva, volvín e rematei a retransmisión. Bebín moito, seinooooo”. A escusa non pareceu convencer á case ninguén.

 Twitch atópase un momento moi delicado debido ao comportamento dalgúns dos seus usuarios. Recentemente confirmábase a expulsión definitiva de MrDeadMoth despois de comerte unha lamentable agresión en directo á súa parella. Polo mesmo motivo, tamén foi expulsado o xogador homoGranja, que ameazaba de morte á súa muller en pleno directo, para despois ouvirse un claro golpe seguido dun berro.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.