Actualidade Ubisoft aposta alto e sacará catro xogos triplo A en doce meses

Ubisoft aposta alto e sacará catro xogos triplo A en doce meses

A Ubisoft sáenlle as contas. No último informe financeiro da compañía francesa, co que pechan o seu ano fiscal, ademais dun xúbilo evidente polo ben que funcionaron os seus lanzamentos e xestións, anunciábase a idea de editar ata catro títulos triplo A este curso, ou ano fiscal, que comeza, é dicir, de marzo do 2019 a marzo de 2020.

Hai apenas uns días, Ubisoft anunciaba un deles: Ghost Recon: Breakpoint, o sucesor de Ghost Recon: Wildlands. Así, quedan no aire tres nomes aínda revelar. Mentres que este novo Ghost Recon verá a luz en outubro deste ano, poñer data aos outros títulos quizais sexa unha tarefa máis complicada. É de prever que un deles será Skull & Bones, esa obra de piratas cooperativa que segue a se cociñar e que segundo o mesmo informe non chegará este ano, sufrindo de tal maneira un novo atraso.

É posible que no E3 deste ano aparezan na palestra novos detalles sobre estes proxectos futuros, aínda que as quinielas xa empezaron a cubrirse e non poucos apostan por un novo Assassin’s Creed, saga revitalizada completamente tras Origins e Odyssey. Doutra banda, nas últimas semanas non pararon de aparecer rumores (aínda que quizais sexan máis desexos que outra cousa) sobre un novo Splinter Cell. É certo que a mesma compañía quixo rebaixar a temperatura e indicar que oficialmente, polo menos a día de hoxe, non están a asfaltar ese camiño. Que isto podería ser un farol para sorprender a todo o mundo na feira dos Ángeles? Tamén.

Skull & Bones chegará, como pronto, durante o primeiro trimestre do ano natural que vén.

 

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.