eSports Valve estrea o seu novo True Sight e amosa a épica de The International 2018

Valve estrea o seu novo True Sight e amosa a épica de The International 2018

É o torneo de deportes electrónicos que máis premios en metálico ofrece. O soño dos xogadores de Dota 2 feito realidade, pero ao alcance de moi poucos. The International acaparou diferentes récords ao longo dos últimos anos, e a súa realización e produción segue sendo motivo de encomio. Valve vén de estrearo documental sobre a súa enorme final, acontecida o pasado verán, unha estampa que se leva repetindo dende o 2011. True Sight mostra as reviravoltas na que foi unha das finais máis épicas da historia de Dota 2, o enfrontamento entre OG e PSG. LGD.

Con medio millón de visualizacións en apenas 12 horas, o documental é unha peza audiovisual de enorme interese para os afeccionados de Dota 2. Mostra a cara oculta dos xogadores a través das súas conversas, dos seus temores e das súas dúbidas. Un billete cara o interior das cabinas de xogo onde a maxia deste MOBA ocorre, dende a fase de drafteo ao gg final.

OG, comandado por Johan “N0tail” Sundstein, demostrou que todo é posible no título de Valve, ao alzarse coa vitoria tras cinco partidas de auténtica tolemia. Moi poucos analistas e moi poucos espectadores apostaron por Ana, Jerax, Ceb, Topson e N0 tail como novos campións da International, nin sequera como finalistas do torneo. Pero as predicións están para romper. Sen dúbida.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.