Actualidade Itch.io supera os cinco millóns de recadación e aumenta o número de xogos dispoñíbeis

Itch.io supera os cinco millóns de recadación e aumenta o número de xogos dispoñíbeis

Unha das causas solidarias con maior repercusión dos últimos tempos foi Bundle for Racial Justice and Equality. O paquete de máis de 700 xogos que presentou Itch.io co propósito de recadar fondos na loita contra o racismo en Estados Unidos. A marca inicial de 500.000 dólares xa foi amplamente superada, do mesmo xeito que o segundo obxectivo dun millón.

Nestes intres, contan con 5,421,437.54 de dólares achegados pola comunidade. Agora, con tres días por diante para finalizar a campaña, a compañía non se pon límites á hora de alcanzar unha nova meta.

Para iso, aumentáronse a cantidade de xogos iniciais. Diversos estudios e programadores sumáronse á iniciativa achegando máis de 1.600 videoxogos para apoiar a causa. Por suposto, non importa cando compraches o pack, recibirás automaticamente os novos títulos dispoñíbeis. A cantidade mínima a achegarmos é de cinco dólares, aínda que a cifra máxima sempre a marcas ti. Podes adquirir todos estes títulos a través desta ligazón.

Juan Sanmartín

Colaborador de Morcego. Videoxogos, deporte, cómics ou cine son as miñas paixóns.