Actualidade Mike Ybarra abandona Microsoft após dúas décadas na compañía

Mike Ybarra abandona Microsoft após dúas décadas na compañía

Mike Ybarra, vicepresidente corporativo de Xbox en Microsoft, puxo fin á súa etapa dentro da compañía norteamericana. Durante os últimos anos foi un dos creativos máis recoñecidos dentro da empresa de Redmond.

O até agora executivo de Microsoft entrou como enxeñeiro de sistemas para logo unirse ao equipo de Xbox no 2009 como director xeneral de Xbox Live Aos poucos foi facéndose un nome na división da máquina ata chegar a unha das posicións máis cobizadas da compañía. Supervisou proxectos como Xbox Game Pass e a plataforma Mixer.

O directivo fixo pública a súa decisión a través das súas redes sociais. «Após vinte anos en Microsoft, chegou a hora para a miña próxima aventura. Foi unha gran viaxe en Xbox e o futuro é brillante. Grazas a todos no TeamXbox. Estou incriblemente orgulloso do que conseguimos e deséxovos o mellor», sinala.

Por suposto, a vida laboral de Ybarra non remata aquí. Asegurou que nos vindeiros días desvelará o seu novo destino, unha etapa coa que se atopa  «súper emocionado». No seu comunicado, o executivo agradece todo o apoio recibido ao longo destes anos.

Phil Spencer, o máximo responsábel de Xbox, expresou tamén na rede social do paxaro azul os seus ánimos ao seu excompañeiro e ao bo traballo feito.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Comentarios non permitidos
  1. […] que foi vicepresidente de Xbox, Mike Ybarra, non mentía cando dixo, após a súa saída de Microsoft, que pronto anunciaría o seu novo destino. Blizzard Entertainment será a súa casa a partir de […]