Nada faltou na estrea dunha Giants Fighters League chea de emocións

Entre as primeiras citas dos xogos de loita desta tempada aparece a Giants Fighters League. Un auténtico espectáculo grazas aos guerreiros do espazo da nosa península. O evento por invitación conta con algunhas das estrelas máis coñecidas dentro do panorama nacional de Dragon Ball FighterZ, onde destaca a presencia de Shanks (Joan Manay), campión da Masters League europea.
A cita, organizada por BCN Fighters, é unha mostra das posibilidades dos xogos de loita como espectáculo e, sen dúbida, a demostración de que este formato de liga é un dos mais entretidos dos feitos ata esta data. A liga pode verse como unha antesala ao EVO, ao ser o gañador desta competición nacional o elixido para acompañar ao xa mencionado Shanks. Xuntos configurarán a representación nacional do FighterZ no centro do mundo dos xogos de loita.
A liga consiste, como ben explica un dos principais organizadores e comentaristas, Sh4rin (Javier Sanabria), nun formato suízo de dous grupos compostos por oito persoas. Despois dos primeiros combates elimínanse aos últimos conxuntos, e os penúltimos teñen que enfrontarse aos sedentos pretendentes a gañar un posto na liga.
Cabe destacar o enorme labor como comentaristas feito por Sh4rin e Galletas (Luca Calderano), que aportan emoción e análise ás partidas sen perder o humor ou a irreverencia. A proximidade entre o grupo organizador e o resto de xogadores é notoria e aporta unha sensación ade familiaridade que nos mete na acción directa e permítenos ver aos participantes como algo máis que os pilotos dos heroes e viláns que vemos na pantalla.

Dragon Ball FighterZ continúa a ser un dos xogos de loita do momento.
Durante a primeira xornada tivemos unhas animadas partidas con Cristian RG vs Inex (Grupo B), seguidas do prato principal que foi o Shanks vs Cold (Grupo A). No primeiro duelo tivemos unha exhibición moi propia dos círculos da comunidade española cunha C-18 manexada por Cristian RG, personaxe característico de Shanks; contra o Piccoro de Inex, personaxe bastante técnico e empregado con regularidade nas últimas finais mundiais. Nesta partida de estrea respirouse a intensidade dos combates, con remontadas épicas como as lograba por Inex ante Cristian RG, pero que brillou ao ter unha maior consistencia, o que lle deu finalmente un 5-3 ao seu favor.
Una vez rematado co caldo, chegou o filete da noite coa partida de Shanks vs Cold. Con un Cold disposto a todo e pretendendo esmagar ao Vixilante, acabou por arrancarlle as dúas primeiras rondas demostrando un gran coñecemento de C-18 e unha habilidade colosal co seu Goku (base). Lamentablemente a partida non acabou en magnicidio, pois Shanks logrou poñer a balanza ao seu favor e derrotou ao seu adversario nas cinco rondas seguintes.
Foi unha demostración de altísimo nivel e que pode ser mirada como un exemplo para os xogadores galegos para non se contentar con ser soamente espectadores dos principais eventos do FighterZ.
O vindeiro martes 19, ás 18 horas, terá lugar a segunda xornada con Saku vs Galletas (Grupo B) e Thunder vs Exilions (Grupo A). Poderedes seguila a través da canle de Twitch de BCN Fighters ou a través das retransmisións en Youtube.
Aquí tendes a primeira partida da pasada xornada:
Artigo escrito por: Carlos L. Yunta