Actualidade Platinum defende a Microsoft e fala de «fracaso conxunto» en ScaleBound

Platinum defende a Microsoft e fala de «fracaso conxunto» en ScaleBound

A cancelación de ScaleBound segue fervéndolle o sangue a máis dun. Ese título de acción no que contariamos coa axuda dun dragón tiña unha pinta demasiado apetecible como para non fixarse nel. Platinum Games, o estudio que estaba detrás desta obra que fose exclusiva de Xbox One, continúa lamentando a súa cancelación, aínda que tamén pide comprensión aos usuarios ao afirmar que non foi só culpa de Microsoft, e rompe unha lanza a favor da compañía norteamericana.

Atsubi Inaba, alto executivo de Platinum, falou recentemente con VGC sobre todo este asunto, e quixo tamén asumir parte do fracaso en todo o sucedido. «Ver aos fanáticos enfadarse con Microsoft pola cancelación non foi fácil para nós», sinala Inaba. «A realidade é que cando un xogo en desenvolvemento non se lanza finalmente é porque ambas as partes fracasan. Creo que hai áreas nas que poderiamos facelo mellor e estou seguro de que hai áreas nas que Microsoft, como socio editor, desexou facelo mellor. Ninguén quere que un xogo sexa cancelado».

Por motivos de confidencialidade, o traballador xaponés non puido achegar datos máis concretos sobre os problemas reais de ScaleBound á hora de ser cancelado. «A verdade é que non nos gusta ver que Microsoft leve a peor parte dos fanáticos porque o desenvolvemento do xogo é difícil e ambas as partes aprenderon leccións, sen dúbida». Un bo xesto por parte de Inaba e Platinum, estudio que nos últimos anos gozou dun éxito entrañable grazas a unha serie de grandes lanzamentos e cun futuro prometedor no horizonte.

Non hai moito, rumoreouse a posibilidade de que o título suspendido fose lanzado para Nintendo Switch, pero os rumores quedaron niso: rumores.

 ScaleBound foi cancelado en xaneiro de 2017, pero debido ás interesantes premisas que propoñía na súa xogabilidade, moitos xogadores piden que se renove o seu desenvolvemento.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.