Actualidade Sony di adeus ao mercado das consolas portátiles

Sony di adeus ao mercado das consolas portátiles

Todo ten un comezo e un final. E este semella ser o caso da relación entre Sony e as consolas portátiles, que segundo Jim Ryan, CEO de Sony Interactive Entertainment, chegou a súa fin. Após o lanzamento do último dispositivo da compañía xaponesa, a confianza das desenvolvedoras na PlayStation Vita foi diminuíndo progresivamente até a cancelación da súa produción en Xapón en marzo deste ano.

Estas declaracións proveñen dunha entrevista realizada por GameInformer con motivo do 25 aniversario da marca PlayStation, na que o propio Jim Ryan asegura que, a pesar de todo, «PlayStation Vita foi brillante de moitas formas». Especialmente notable é o seu éxito no mercado nipón, onde obtivo unha acollida bastante boa por mor de albergar unha gran cantidade de xogos independentes e de obras dirixidas exclusivamente ao público xaponés.

Porén, Vita contou cun gran impulso na súa chegada ao mercado, grazas ao apoio dos estudos first-party de Sony, con títulos como Tearaway Unfolded, Gravity Rush, Killzone Mercenary ou o incrible Uncharted: O abismo de ouro.

PlayStation Vita foi perdendo o apoio das desarrolladoras a pesar das súas virtudes.

Desconfianza no mercado portátil

Na entrevista tamén atopamos declaracións interesantes sobre a perspectiva que se tiña sobre o mercado portátil hai máis dunha década no seo de Sony e como non todo o mundo dentro da empresa apostaba claramente por se introducir nese terreo. Tal e como explica Andrew House, antigo director xeral de SIE, «Ken Kutaragi — exdirector de Sony Computer Entertainment— estaba notablemente remiso sobre entrar no mercado portátil», en referencia á idea de lanzar a PSP como primeira consola portátil de Sony.

House continúa falando sobre a perspectiva de Kutaragi e dos xogos portátiles, xa que «Kutarargi adiantouse ao crecemento dos smartphones antes da chegada do propio iPhone». A pesar de todo, «iso non impediu ter un bo éxito con PSP naquel momento, sobre todo no mercado xaponés». Lembremos que PSP chegou a alcanzar a nada despreciábel cifra de máis de 76 millóns de consolas vendidas, malia que quedou lonxe da súa competidora, a Nintendo DS, con 154 millóns de unidades despachadas en todo o mundo.

Juan Sanmartín

Colaborador de Morcego. Videoxogos, deporte, cómics ou cine son as miñas paixóns.