Devotion, o xogo de Red Candle Games, volve á venda a través dunha tenda de seu

Devotion, o xogo de Red Candle Games, volve á venda a través dunha tenda de seu

Rede Candle Games non renuncia a Devotion. A compañía taiwanesa anunciou a través da súa conta de Twitter a creación dunha tenda dixital de seu. O obxectivo? Vender o seu último título sen intermediarios.

A tenda, na que tamén estarán dispoñíbeis outros xogos creados con anterioridade, será o novo fogar de Devotion, título eliminado de Steam hai un par de anos. A súa desaparición provocou a imposibilidade de comprar este xogo até bastante tempo despois, hai escasos meses, cando apareceu na tenda de CD Projekt, GOG. O que pasou a continuación é ben sabido.

Devotion foi tamén retirado desta plataforma, segundo a compañía polaca, após recibiren «moitas mensaxes dos xogadores». A segunda vida do título finalizaba como a primeira. A partir de agora, asistiremos á súa terceira vinda.

Que ocorre co título? A maioría de usuarios cre que a utilización dun personaxe de Winnie the Pooh para ridiculizar a Xi Jinping, presidente da República Popular de China, foi o motivo polo que as diferentes plataformas recibiron presións para non incluíren a obra dentro dos seus catálogos. O estudio realizou un comunicado pedindo desculpas perante calquera problema nese sentido hai bastante tiempo.

Sexa como for, neste novo capítulo da historia, Devotion atópase dispoñible por un prezo de 17 dólares e libre de DRM, polo que o seu uso e distribución é total para o propietario.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.