Opinión Opinión :: Xogar para coñecer(se)

Opinión :: Xogar para coñecer(se)

Ao longo destes días —ou semanas— que algúns chamarán de corentena ou illamento, unha das opcións máis viábeis para pasar o tempo será a de coller o mando e buscar, por un momento, entrar noutro mundo de píxeles e aventuras, á marxe do noso. Non nos enganemos. Non ten esta opción que estar rifada con coller un libro, ver unha serie ou gozar dun Monopoly, pero quizais sexa unha boa ocasión facelo en compañía, alén do habitual acto individual que é empezar unha partida.

Os pequenos sen clase, os adultos con teletraballo. Non en todos os casos, pero si nalgúns. Aproveitando a conxuntura, preséntase unha oportunidade de ouro para proxenitores e/ou titores. A posibilidade de ver que e como xogan os seus fillos ao longo do día. É moi posíbel que para os usuarios desta revista o asunto estea máis que superado, pero para unha maioría allea ao medio segue sendo un terreo descoñecido, mesmo difícil.

Non o é porque eu o diga, senón porque así puiden comprobalo as decenas de veces que un medio xeneralista contacta comigo procurando unha opinión do sector, querendo simplemente unha achega que lembre o que adoitan chamar «consumo responsábel». O problema é que en non poucas ocasións os encargados dos menores de idade tampouco saben que consomen. A verdade, non teñen nin idea.

Moitos apostan pola sorte e o destino. Esa opción na que nin lles vai nin lles vén que tipo de violencia ou contido consomen as súas crianzas a través dos videoxogos. É ficción e xa está. Podería ser válida, pero non a recomendaría. O famoso enunciado ese de «eu xoguei a todo o que quixen e non saín tan mal» debe ser desterrado dunha vez e os xogadores asumir que non teñen unha resposta real e perfecta á hora de saber como unha obra puido influír na súa vida cando non cumprían a idade recomendada para gozala (e claro, logo).

Si, o PEGI axuda. Achega unha serie de coñecementos sobre o videoxogo e fainos visíbeis na súa contraportada. Marca unha posíbel idade, entre outras cousas, que en absoluto é unha lei. Fai falta unha? Non, pero si precisamos coñecemento e responsabilidade. Pasar máis horas en casa podería ser un excelente momento para afondar en ambas as dúas, saber de que van eses xogos, interpretalos, falar deles, gozalos de xeito colectivo. Ao final, o parámetro da idade non é senón un número que non define nin a mente nin a personalidade de ninguén.

E non, non se trata de prohibir, non se trata de buscar espiñas onde non as hai, senón de recoñecelas e asumilas, de convivir con elas da maneira máis sa posible. Hai obras que deberían esperar a ser consumidas? Está claro que a maioría de menores de 12 anos é case imposíbel que poidan entender na súa magnitude a crítica irónica que garda a saga Grand Theft Auto, nin a profunda carga mental que posúen GRIS ou Celeste. Poderán xogalos, poderán mesmo pasalo ben, pero sería idóneo que outra voz lles lembrase que está a ocorrer na pantalla, alén do puro movemento dos píxeles.

Xogar é coñecer. E é un bo momento para xogar xuntos, para gozar, para debater e falar. Coñecer un título abre moitas portas, algunha tan importante como a de achegarse a aqueles que o xogan. Estar máis tempo en casa permite obter unha chave que non sempre se ten. Por que non usala?

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.