Actualidade Sekiro: Shadows Die Twice recibirá un modo boss rush coa nova actualización

Sekiro: Shadows Die Twice recibirá un modo boss rush coa nova actualización

Máis de cinco millóns de copias vendidas após o seu lanzamento, Sekiro: Shadows Die Twice confirma o seu éxito como un dos grandes títulos do ano pasado. O xogo de From Software conseguiu alzarse co galardón de GOTY 2019 e, após superar esta cifra de vendas, unha nova actualización está en camiño.

De xeito totalmente gratuíto poderemos gozar a partir do 29 de outubro do modo Gauntlets of Strength, que actuará como un clásico boss rush no que teremos que loitar cos doferemtes xefes finais sen perder ningunha vida. As recompensas por superar tan arduo reto serán dous traxes cosméticos novos, namentres un terceiro poderá ser conseguido completando a aventura.

Outra das implementacións será o sistema de Remnants, que actúa dunha forma similar á que o fan as manchas de sangue nos Souls. Grazas a iso poderemos gravar os nosos movementos, publicalos e poder ser valorados positivamente polo resto de usuarios. Alén do xa comentado, confirmouse a chegada dunha versión definitiva do xogo que incluirá todos os parches e actualizacións lanzadas até o momento. Aterrará o 29 de outubro no Xapón e teremos de agardar para sabermos se esta edición chegará a territorio occidental.

Podedes coñecer mellor o título coa nosa análise de Sekiro: Shadows Die Twice, que se atopa dispoñíbel para PS4, PC e Xbox One.

Juan Sanmartín

Colaborador de Morcego. Videoxogos, deporte, cómics ou cine son as miñas paixóns.