Actualidade Un bug en Anthem provoca que as armas de nivel baixo sexan mellores que as do final do xogo

Un bug en Anthem provoca que as armas de nivel baixo sexan mellores que as do final do xogo

Parece que non paran de sucederse os problemas para Anthem, o novo título de BioWare. O máis recente que se suma á lista consiste en que as armas de inicio do xogo son mellores que as que poden conseguir os xogadores nos últimos niveis. De feito, descubriuse que un rifle de nivel 1 pode chegar a ser a arma máis poderosa do xogo.

Os problemas técnicos que acumula Anthem están a impedir gozar do xogo a moitos usuarios.

Grazas á información da que se fixo eco os nosos compañeiros de Kotaku, puidemos coñecer que un xogador chamado YeetLordSupreme compartiu este descubrimento no foro de Anthem en Reddit. Este xogador, chegou a comprobar que o Rifle Defensor de nivel 1, a arma básica co que se comeza a aventura, conseguía fulminar aos inimigos máis rápido que o rifle Blaze de Ralner,de nivel 45.

Isto é debido a que unha bala do Blaze de Ralner consegue rexistrar 1184 puntos de dano nun inimigo Scar básico, mentres que unha bala do Rifle Defensor consegue 286 puntos, pero tan só necesita catro tiro para acabar co inimigo polas seis que necesita o Blaze de Ralner.

«Estiven probando con diferentes armas e inimigos e, aínda que as cifras variaron, o resultado terminou por ser sempre o mesmo. O Rifle Defensor de nivel 1 é de lonxe a arma máis efectiva de todo o meu inventario», escribiu YeetLordSupreme.

O Rifle Defensor acaba por ser a arma máis efectiva de todo o xogo.

Despois deste descubrimento, un traballador de BioWare, Brenon Holmes, contestou suxerindo que podería tratarse dun bug. «Necesitamos investigar isto, os sistemas de escalas necesítanse para permtir que os xogadores con nivel baixo poidan xogar con aqueles que teñen un nivel máis alto e que pelexan contra inimigos máis fortes», sinalou Holmes, director de deseño técnico da compañía.

Este bug pode chegar a frustrar, xa que desestabiliza completamente a sensación da progresión nun xogo que se basea na repetición de misións, co obxectivo de acumular máis experiencia, lootear e conseguir mellores armas. Estas mecánicas repítense en xogos coma o propio Anthem, Destiny 2 ou mesmo Warframe.

Unha vez que YeetLordSupreme publicou o seu descubrimento, outros xogadores amosaron as súas experiencias, asegurando que padecían situacións similares ás descritas. Con todo, o community manager de Anthem, Andrew Johnson, respondeu á polémica, achegando un pouco de luz sobre as causas deste problema. «Confirmei co equipo que o problema se orixina debido a un bug relacionado especifícamente cos ítems por defecto en combinación co nivel de equipamento», aclarou Johnson. «Isto non debería estar a suceder e o noso equipo xa se atopa traballando para poder solucionalo canto antes».

Juan Sanmartín

Colaborador de Morcego. Videoxogos, deporte, cómics ou cine son as miñas paixóns.