Análises GRIS. A beleza dunhas acuarelas dolorosas

GRIS. A beleza dunhas acuarelas dolorosas

Ocorre con GRIS que máis que xogalo hai que ser testemuñas da súa beleza. Unha especie de deixarse levar ata que as letras brancas, sobre fondo negro, anuncien a súa fin. Así é. A despedida dunha viaxe na que se camiñou e nadou polas acuarelas de Conrad Roset. Azuis, vermellas, laranxas, pero tamén negras. Con formas monstruosas que nos asaltan no medio dun cadro convertido en videoxogo.

Transmitir emocións e non accións é farto complicado. Máis aínda nun mundo onde a empatía corre especial perigo, e só parece proliferar a través de boas intencións nas redes sociais, pero que dificilmente acaban por materializarse na rúa que pisamos ao saír do noso portal. GRIS quere transmitir emocións, quere empatizar co xogador, quere enviar unha mensaxe á testemuña dese percorrido que a protagonista, cribada pola dor, debe realizar. Unha muller que se perdeu para tratar de atoparse, e que descenderá ata o subsolo para logo elevarse sobre as nubes.

Non se debe esperar do título de Nomada Studios unha resposta sobre o seu significado ou o seu simbolismo. Son estes tan cristalinos que sobran as palabras. Que pode significar se non atravesar paso a paso unha tormenta que segundos antes parecía infranqueable? Que significa coleccionar estrelas para que nos guíen nos momentos máis escuros?

A de Gris, nome da protagonista, é unha viaxe solitaria, pero na que non está soa, e diferentes mans amigas tecerán tamén unha ponte cara á luz cando máis a necesite. Non abundarán, pero serán especialmente doces.

Aquí non hai inimigos aos que disparar. Aquí hai formas coñecidas que toman as cores máis escuras da paleta de Conrad Roset e que nos perseguen cando pensamos que só podemos fuxir deles, ata caer na conta de que aos monstros míraselles á cara. Non só cos puños pode un loitar.

Marabilloso presente o que brinda o estudio catalán. Prometedor futuro. Unha proba máis do doce momento que atravesan os creadores da nosa terra. Claro que está todo por facer. Pero xogos coma GRIS permiten facer soñar, que non é pouco.

8.5

O mellor

  • O apartado visual, unha auténtica beleza asinada por Conrad Roset
  • Empatizar con Gris dende o primeiro segundo, aínda sen saber ao cen por cen que estamos a sentir
  • Unha banda sonora maxistral grazas a Berlinist
  • A sorpresa de ir coñecendo novas mecánicas a medida que avanza o xogo, aínda sento tan curto

O peor

  • Non presenta ningún desafío real
  • Algunhas veces custa saber que facer ou con que obxecto debemos realizar a interacción
Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Comentarios non permitidos
  1. […] Un triunfo do diferente e o artístico a través dunha viaxe agradable e bela. En Morcego xa gozamos enormemente dela. […]

  2. […] Morcego dedicámoslle unhas xentís palabras despois do seu […]